escena-norte

Setembro 2019 Este domingo 22/09  preséntase en Ribadeo a primeira función do proxecto Camiño Escena Norte, unha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que nos traerá varios espectáculos destas comunidades a territorio galego, e levará obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica (espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación), expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión. 

escena-norte-lugo
Presentación en Lugo. Fonte da imaxe: Escena Norte.

E o vindeiro 22 de setembro comezarán as funcións ao longo do Camiño Norte ata chegar a Santiago. Comeza ese día en Ribadeo, continúa en Mondoñedo o 28, Lugo o 3 de outubro e Vilalba o 5. A continuación serán Arzúa, Sobrado dos Monxes e Compostela. Nestas localidades poderanse ver os espectáculos “Bojiganga” de Teatro del Cuervo; “Como ceniza blanca sobre una hoguera”, de La Tejedora de Sueños; “El viaje de Ulises”, de Teatro Gorakada; “La Novia del Viento”, de Ábrego Producciones; “Beatus, visiones del Apocalipsis”, de Espacio Espiral; e “Sagartu” de Hika Teatroa. Todos de libre acceso ata completar aforo. [ver anexo na axenda]

Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son Baobab Teatro, con “Luppo”, e A Panadaría, con “Elisa e Marcela”. Ademais, Contraproducións estará en residencia en Euskadi.

Este proxecto – fb – está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, canda as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.

ESPECTÁCULOS EN LUGO


Bojiganga, de Sergio Gayol. Teatro del Cuervo (ASTURIAS) – a partir de 12 anos

Unha compañía do século XXI trata de manter viva esa chama do teatro que parece non importar a ninguén máis. É dende esta realidade dende onde xorde a idea de volver aos clásicos do Século de Ouro español, coa intención de tender unha ponte de unión entre o público daquela e o actual, de recuperar a mensaxe esencial que conecta aos seres humanos máis aló de toda época e lugar. A nosa buxiganga percorrerá o camiño representando o entremés de Cervantes “El retablo de las maravillas” sobre un escenario improvisado á maneira do século XVI.

Será o público o que asuma o papel do pobo, participando da historia dunha forma activa.

22 setembro: “Bojiganga” (Teatro del Cuervo), Auditorio Hernán Naval de Ribadeo (22.00) + obradoiro (18.30)

28 setembro: “Bojiganga” (Teatro del Cuervo), Praza da Catedral de Mondoñedo (20.00) + debate posterior


Como ceniza blanca sobre una hoguera, de Néstor Villazón. La Tejedora de Sueños (ASTURIAS) – público adulto

Zaragoza, 1485. Os Reis Católicos buscan unificar unha España dividida baixo o xugo da Santa Inquisición. Na súa defensa os xudeus máis ricos da cidade prepararán o asasinato do inquisidor xeral Pedro de Arbués. As súas consecuencias empezan a facerse visibles dende o comezo: Yannis e Milena, parella que dubida se pertencer ou non a esta conspiración, son detidos e encarcerados, guiando ao espectador no xuízo habitual a un herexe.

3 outubro: “Como ceniza blanca sobre una hoguera” (La Tejedora de Sueños), Auditorio Gustavo Freire de Lugo (20.00) + debate posterior

A viaxe de Ulises / Ulisesen bidaia, creación colectiva sobre un texto de Julio Salvatierra. Teatro Gorakada (EUSKADI) – Público infantil e familiar

Os deuses gregos moraban na cima do monte Olimpo e gobernaban sobre os seres humanos, influíndo sobre estes coa súa protección ou co seu abandono. Algúns homes ousaron desafiar os seus caprichos e foron vítimas da súa ira, como no caso de Ulises, quen ao ofender a Poseidón deixando cego ao seu fillo Polifemo, este impídelle volver a Ítaca, deixándoo vagar sen rumbo por todo o mar Mediterráneo. A historia de Ulises é a historia da viaxe como metáfora da vida, da loita contra as dificultades e a forma de resolvelas.

Espectáculo en castelán con cancións e diálogos en euskera.

5 outubro: “El viaje de Ulises” (Teatro Gorakada), Auditorio Carmen Estévez de Vilalba (18.30) + obradoiro (16.30)