Outubro O documental «Un día Normal» da lucense Carmen PG Granxeiro comeza as súas proxeccións en «The 7th Art Film Festival» de Miami. A finais de novembro levarase a cabo a estrea oficial en Lugo, xunto a parte das súas protagonistas.

Un día normal é unha comedia na que se cruzan nas nosas vidas o racismo e a xenofobia, o machismo pero tamén o feminismo. Fálase de bullying, de traballo, de costumes e culturas, de medios de comunicación, migracións, mulleres… fálase de ser muller nun día normal.

«Cando eu nacín ser lesbiana non era normal, non según a OMS. O concepto cambiante de normalidade e o tempo relativo, o pasado resoa no presente e o que era normal xa non o é, e viceversa. Quixen fusionar momentos dun día calquera sen máis pretensión que a de crear un diálogo entre realidades e experiencias cotiás, entre persoas que non se cruzan e nembargantes se inflúen. Un día calquera no que se fían palabras desde o feminismo diverso, unha reflexión persoal a partir dun relato colectivo, ou unha reflexión colectiva a
partir dun relato persoal. Quen sabe?» 
Carmen PG Granxeiro

A narración colectiva é a personaxe principal desta amalgama de imaxes intrascendentes cargadas de significado, con tódalas súas contradiccións. O resultado é persoal pero transferible. Moitas vidas creando moitas miradas, cada unha a súa.