ABRIL 2018 O Museo Provincial de Lugo acolle este luns, 23 de abril, ás 19.30 horas, a estrea do documental ARTE+MULLER+GALICIA, unha perspectiva sobre o papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea galega. O filme, dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luísa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.

O documental ARTE+MULLER+GALICIA, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, ARTE+MULLER+GALICIA debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras.

Reflexión sobre os factores de desigualdade, tamén na arte

O feito de ser muller marcou para moitas delas o desenvolvemento da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión. “Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais”, explica a directora, Rosario Sarmiento.

Figuras clave na Arte Contemporánea galega

O documental ARTE+MULLER+GALICIA divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Un percorrido que reflexiona sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.

Coloquio sobre arte e muller
A proxección do documental ARTE+MULLER+GALICIA terá lugar este luns, 23 de abril, ás 20 horas, no Museo Provincial de Lugo, con entrada libre. 

Á proxección do filme seguirá un coloquio aberto ao público arredor das circunstancias da muller na arte, no que participarán a directora do documental, Rosario Sarmiento; a artista Mónica Alonso, a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e a xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lago.

Proxección noutras cidades galegas
Tras a súa estrea o pasado 11 de abril na Coruña, ARTE+MULLER+GALICIA continúa o seu percorrido polas cidades galegas, con primeira parada en Ferrol e, agora, en Lugo. Poderá verse tamén o próximo 25 de abril no Museo de Pontevedra; e o 3 de maio, no CGAC en Santiago de Compostela.