As mulleres cineastas protagonizan a 4ª Escolma de cinema galego de Sarria

escolma-cinema-galego-sarria
Ana Domínguez, Anxos Fazáns e Diana Toucedo conversarán co público despois das proxeccións de Os Fillos da Vide, A estación violenta e Trinta lumes
Completan o programa as curtas Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas e O porco e o seu espírito, de Adrián Canoura, e a música neotradicional de Baiuca

Xaneiro  Sarria acolle os días 22 e 23 de febreiro a 4ª edición da Escolma de cinema galego onde as mulleres cineastas serán as protagonistas ao ofrecer as óperas primas Os Fillos da Vide, A estación violenta e Trinta lumes e mais de conversar coas súas directoras: Ana Domínguez, Anxos Fazáns e Diana Toucedo. O acceso, como sempre, será libre e gratuíto até completar o aforamento da sala da Casa da Cultura.

A superstición e a tradición atópanse de fronte en Trinta Lumes, na que Diana Toucedo relata a historia de Alba, unha nena de doce anos que percorre xunto ao seu mellor amigo pobos destruídos de O Courel, entrando no interior dunhas montañas que esconden outro mundo paralelo. Pola súa banda, Anxos Fazáns fala en A Estación Violenta dunha xeración triste e frustrada antes de tempo, a daqueles que pensaron que podían ser artistas sen consecuencias. E, finalmente, Os Fillos da Vide é a viaxe en clave persoal que fai Ana Domínguez á tradición ancestral das vides, da vendima e do viño, e á súa relación cos ciclos da vida e coas raíces pagás da festa.

Estas tres longametraxes, cunha forte carga autoral, chegan á Escolma de Cinema Galego de Sarria despois de conquistar o público de festivais de medio mundo. Tamén dentro das nosas fronteiras: na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela, no Primavera do cine de Vigo, no Novos Cinemas de Pontevedra, en Cineuropa, no Play Doc ou no Ouff. E ao outro lado do Padornelo, en Rizoma, Filmadrid, L’Alternativa, REC International Film Festival de Tarragona

Trinta Lumes tivo a súa premiere internacional na Berlinale e proxectouse no Festival Internacional de cine de San Sebastián, foi finalista nos Premios Gaudí, nos Premios Feroz e nos Premios Mestre Mateo, onde acaparou 5 candidaturas. 

A estación violenta, que foi finalista en 8 categorías dos Mestre Mateo, participou no Festival de Cine Europeo de Sevilla, en Cineuropa, na BAFICI de Bos Aires, D’A en Barcelona, Sanfic de Santiago de Chile e FICCALI Colombia.

Os fillos da vide gañou a MICE do Museo do Pobo Galego, formou parte da sección Resistencias do Festival de Cine Europeo de Sevilla e das seccións oficiais de certames coma Alcances (Cádiz), Márgenes ou o Uruguay International Film Festival. México, Arxentina, Brasil, Ecuador, Francia, Alemaña, Portugal, Polonia, Bosnia… 

 

Os filmes do lucense Adrián Canoura e un concerto de Baiuca completan o programa

Completan o programa audiovisual desta 4ª Escolma as proxeccións de Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas e O porco e o seu espírito nunha sorte de retrospectiva do director burelés Adrián Canoura. Da mística que lle atribúe a sociedade tradicional, esencialmente rural, ao lóstregro até a crenza popular de que o porque se levanta sete veces a véspera da matanza, para comer ao seu dono, pasando pola loita contra o tempo e contra a extinción, contra a fin de si mesmos, compartida polo home e máis polo mar… o Cine Clube La Unión Leslie Nielsen ofrecerá o mesmo sábado 23 pola mañá unha oportunidade inmellorable para achegarse á obra deste novísimo creador lugués que xa conquistou ás e aos programadores de festivais de referencia en Montreal, Bogotá ou Sao Paulo.

Pechará a velada un concerto de Baiuca, acompañado polas videocreacións de Canoura. Unha proposta neotradicionalista que mantén o cable aterrado nas raíces, pero que conecta coas tendencias máis avanzadas da música electrónica, a través dunha maridaxe sonora na que se utilizan tanto instrumentación tradicional (cunchas, frautas, gaitas, pandeiretas ou voces) como sintetizadores e máquinas que nos levan ao techno, o global bass ou as cavilacións da música house desde unha perspectiva casi antropolóxica.