O director de cine premiado no Festival de Cannes, Oliver Laxe, rodará un vídeo promocional dos Ancares Lucenses

DEC 2017 O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, avanzou este luns as colaboracións dende a Deputación e a TIC cos novos traballos do director Oliver Laxe para promover os Ancares e contribuír á formación dos alumnos da Escola de Imaxe e Son. Campos Conde explicou que estas colaboracións favorecen que Navia de Suarna sexa a principal localización de Aquilo que arde, a vindeira película do cineasta; que Oliver Laxe rode un vídeo promocional sobre a Reserva dos Ancares Lucenses e que ofreza un ciclo de conferencias e clases maxistrais aos estudantes da EIS.

O Presidente adiantou que “Oliver Laxe rodará un vídeo promocional da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, unha das nosas xoias naturais e etnográficas máis prezadas”. Campos Conde destacou que “o compromiso de Oliver Laxe para contribuír a revivificar os Ancares non remata aquí, pois entre os seus proxectos está o de xerar en Navia de Suarna unha escola de cinema e unha cooperativa de agricultura ecolóxica”.

Navia de Suarna, principal localización de “Aquilo que arde”

“…queremos formar parte desta produción cinematográfica porque é unha oportunidade para a economía, o emprego e a promoción turística, especialmente dos Ancares, pero tamén doutras localidades da nosa provincia, que non debemos desaproveitar.

O filme, que se rodará no noso idioma, posúe un especial valor cultural e social, e fomenta o tecido industrial do sector audiovisual galego” Campos Conde

A rodaxe está prevista entre os meses de febreiro e agosto en diferentes localizacións do territorio lugués, especialmente en Navia de Suarna, pero tamén en Monterroso, Monforte, Viveiro, Becerreá, Cervantes e Lugo

Aquilo que arde é unha proxecto con proxección internacional dirixido por un cineasta gañador de prestixiosos premios, entre eles, dous no Festival de Cannes,

Revulsivo para a economía e proxección de Navia de Suarna

A colaboración da Deputación permite ao Concello asumir a metade dos 43.000 euros dos custos de aloxamento, manutención e transporte do equipo de rodaxe. Campos Conde destacou que “o desenvolvemento desta rodaxe suporá un revulsivo para a economía local do municipio, así como para a súa promoción. As producións cinematográficas deste nivel son unha ferramenta con efecto dominó na economía, pois creo que existe un turismo cinematográfico que, en moitas ocasións, non sabemos valorar”. Neste senso, O Alcalde explicou que “o casting de actores e figurantes que participarán na película, dirixido persoalmente por Laxe, atraeu xa ao noso Concello a numerosos aspirantes a actores e actrices procedentes de toda Galicia e das provincias limítrofes das comunidades de Asturias e León. Este é un claro exemplo do poder de convocatoria deste cineasta de culto, que supuxo un estímulo para a economía local”.

Recordar que o martes 19 de decembro Oliver Laxe dará unha charla na Deputación organizada pola Fundación TIC. A conferencia “Oliver Laxe e o cine de autor” será ás 12.00 horas no Salón de Actos da Deputación