“A paisaxe impresiónanos pola forma dos seus elementos, pola cor e, sobre todo, polas emocións que esperta no noso espírito. Por seren, precisamente,
estas emocións a alma da paisaxe, é necesario recollelas directamente dela,
para sentilas con toda intensidade” Francisco Llorens

11/10 O venres 13 de outubro, ás 17:00 no xardín do Museo Provincial de Lugo inaugurase a exposición «Llorens o pintor das Mariñas”, – comisaria: Rosario Sarmiento- .  A importancia que a contorna xeográfica das Mariñas – coruñesas – desempeña en toda a obra de Llorens é  fundamental, xa que estes espazos naturais constitúen a espiña dorsal da súa obra pictórica que poderáse ver na exposición.

FRANCISCO LLORENS é, sen dúbida, un dos paisaxistas de referencia na historia da arte do século XX en Galicia e en España, polo peso temático e argumental que a paisaxe ten na súa obra. Tivo unha sólida formación académica, sendo alumno de Carlos de Haes e posteriormente de Joaquín Sorolla, de quen aprende a importancia e o valor da luz na paisaxe.

Llorens desenvolveu unha longa carreira profesional como profesor de debuxo e pintor, expoñendo en repetidas ocasións en España e en América. Foi membro da Real Academia Galega da Lingua e
das academias galega e madrileña de Belas Artes, mantendo relacións con intelectuais coetáneos seus como Ramón Cabanillas e Castelao.

Aínda que alternou a súa vida entre Madrid e Galicia, á que regresaba cada verán, esta foi o eixe  temático fundamental en toda a súa obra. As súas estadías estivais sempre tiñan como referencia calquera punto das Mariñas, Perillo, Oleiros, Sada, Betanzos, Mera, O Pedrido…  reflíctense na súa pintura, cunha gran riqueza de matices cromáticos.

 “Nós non o sentiamos fondamente feliz máis que durante os veraneos galegos. Partía de madrugada vestido con traxe de liño groso e pesadas botas, cargado con cabalete, caixa e lenzo. Volvía a última hora da tarde, tostado polo sol e o vento…”. Eva Llorens – filla –

Sempre pintaba ao aire libre, practicaba o plein air, xa que a natureza e os infinitos tons e matices que a luz provocaba sobre a paisaxe eran os seus elementos esenciais de inspiración. Os azuis, verdes,
amarelos luminosos, grises e ocres non só compoñían a súa paleta, senón que tamén singularizaban os estudos cromáticos e lumínicos das súas paisaxes. Por iso, algúns historiadores afirmaron que na súa pintura hai influencia do impresionismo e postimpresionismo no xeito de entender a paisaxe.