25/06 Última semana para visitar as expos “Traxandaina” e “Ledesma – Obra Escultórica”

Máis de 2.500 persoas visitaron, ata agora, na Capela de Santa María a primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo. Unha iniciativa que conta co selo do Ano Europeo do Patrimonio, e que estará aberta ata o día 1 de xullo.

TRAXANDAINA

Esta mostra pódese visitar na Capela de Santa María ata este domingo 01/07. Promovida polo colectivo Traxandaina, co apoio da Deputación, é a primeira vez que se realiza unha mostra destas características: a expo recolle 25 traxes da colección de mulleres do rural que usaban os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían ao longo da súa vida. A mostra está composta por prendas orixinais e por reproducións que se complementan con pezas de ourivería compostelá. Dentro da colección de 25 traxes, tamen se pode ver mandís de mostra, aos que se lles adica un apartado especial, as mantelas ou lensas que cobren a saia; os refaixos bordardos a man, camisas de liño de corte rectos para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no Val de San Lourenzo coas mesmas técnicas que as mantas maragatas.

As pezas, foron recollidas polo colectivo Traxandaina, en casas por toda a provincia, coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural.  A última visita guiada será o vindeiro o  martes 26 de xuño ás 18:00 horas

 LEDESMA – Obra Escultórica (Marionnettes + Retrospectiva)

O domingo 01/07 será o último día para poder disfrutar da expo “LEDESMA – Obra Escultórica (Marionnettes + Retrospectiva)” no Vello Cárcere de Lugo.  O día anterior, o sábado 30 de xuño ás 20:30 o propio autor dará un concerto de clausura a piano no patio central da cárcere con entrada de balde ata compleatar aforo.

A colección Marionnettes está formada por obras cun aire marcadamente teatral, con personaxes fantásticas e imposibles, creadas a partir de materiais reciclados, ferro, ferramentas ou trapos vellos; e a través da Retrospectiva vese a traxectoria e evolución de Ledesma como escultor, quen, ademais de calidade, nas súas obras sempre presenta unha dualidade, dous elementos protagonistas, pero non complementarios ou en pé de igualdade.

Álvaro Ledesma é un artista multidisciplinar que traballou en campos tan diversos como a escultura, pintura, escenografía, literatura, vídeo, instalación e fotografía. Ademais, participou en multitude de proyectos como músico en espectáculos de teatro, recitais de poesía ou festivais de vídeo-arte.

Horario de visitas do Vello Cárcere: de 11:00 a 14:00 horas os luns; de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, os martes e mércores; de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:30 horas, os xoves, venres e sábados; e de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, os domingos.