A Rede Museística Provincial opta ao VIII Premio Iberoamericano de Educación e Museos

NOV 2017 A Rede Museística Provincial atópase entre os 33 finalistas para optar á oitava edición do Premio Iberoamericano de Educación e Museos, grazas ao proxecto Nós+outrxs en rede promovido polo Goberno da Deputación. O xurado fallará o gañador desta nova edición do certame mañá, xoves.

Nós+outrxs en rede é un proxecto de colaboración entre o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza e a Rede Museística de Lugo no que participan artistas que propoñen microproxectos individuais, produto das súas particulares reflexións arredor das problemáticas de xénero. Ademais, cada artista realizou un obradoiro co que establecer un diálogo con diferentes colectivos sensibles.

Esta mostra está unida por palabras claves como xénero, memoria, diversidade, voz, recoñecer, liberdade, comunidade, elixir, aprender, obradoiros, cuestionar, e PERSOAS. A exposición é itinerante e xa estivo en varios Concellos da provincia como Sarria, Foz, Chantada, Lourenzá; así como os 4 museos que integran a Rede Museística Provincial.

Fonte: Gabinete Difusión Museo

Premio Iberoamericano de Educación e Museos 2017

Promovido anualmente por Ibermuseos desde 2010, o Premio Iberoamericano de Educación e Museos ten como obxectivo identificar, destacar e fomentar a capacidade educativa dos museos, tendo en conta a pluralidade das prácticas  museolóxicas iberoamericanas. Desde a súa primeira edición, o premio contribuíu a fortalecer e promover o labor educativo das institucións museísticas na rexión. Ao longo de 7 edicións, foron recoñecidos a 53 proxectos de 12 países, os cales se caracterizan por estar comprometidos socialmente con comunidades, por promover a diversidade e o encontro intercultural, así como co desenvolvemento sustentable. Ademais destes, outros 92 proxectos recibiron mención de honra.

Máis recoñecementos
A Rede Museística Provincial vén de recibir un novo recoñecemento, ao ser seleccionado o proxecto Guerrilla de Palabras: el oficio del/a palabrero/a como unha das dúas iniciativas internacionais que serán respaldadas por Ibermuseos dentro da IV Convocatoria Conversaciones, un programa de apoio ao desenvolvemento de proxectos expositivos e á circulación de bens culturais entre un ou máis países da rexión iberoamericana, co propósito de promover a realización de accións de apropiación social da memoria e o patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.

Guerrilla de Palabras: el oficio del/a palabrero/a é un proxecto do Instituto Universitario de Investigación de la Paz e a Universidade de Granada en conxunto co Museo La Tertulia de Cali (Colombia), que parte do Programa Culturas en Diálogo da Rede Museística de Lugo, no que participan, dende o ano 2000, diferentes museos españois, americanos e europeos.
O obxectivo deste proxecto é establecer canais de diálogo que poñan en valor a posición da muller na resolución dos conflitos armados, preservando o patrimonio inmaterial (as voces femininas que traballan pola paz, mediando conflitos), e constituíndo  coas comunidades e colectivos un relato en feminino do proceso de paz colombiano e de reinserción da muller condenada. O proxecto será realizado a través dun conxunto de accións, como unha intervención artística en Cali e en Lugo; un proxecto de intervención socio-educativa, ademais dunha serie de obradoiros.

Comparte este artigo nas túas redes