A sala de exposicións da Deputación acolle as paisaxes de Antonio Rivas Pol

NOV 2017 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o autor, Antonio Rivas Pol inauguraron  Acuarelas da miña proximidade, a nova exposición que o Goberno da Deputación leva á sala de Exposicións do Pazo de San Marcos dende  hoxe e ata o 20 de novembro, con entrada totalmente gratuíta.

A obra deste pontenovés reflicte paisaxes da Pontenova, Lugo, Chantada, Ferrol e Betanzos, que son os lugares onde exerceu a súa vida laboral como mestre.

O Presidente explicou que “as acuarelas de Antonio Rivas amosan sensibilidade e frescura, e están dotadas dunha luz especial. Coa inauguración desta exposición contribuímos a poñer en valor a obra dun autor autodidacta nun espazo publico da capital lucense, que tamén serve para achegar aos lucenses paisaxes únicos da nosa provincia como a praia das Catedrais, a praia de Ares, ou enclaves da Mariña Lucense”.

Campos Conde lembrou que o autor participou en 20 exposicións individuais e 16 colectivas por toda Galicia. A dia de hoxe, a súa obra atópase repartida por diferentes lugares da xeografía española e ata no estranxeiro en coleccións particulares, así como en diversas institucións.

No acto de presentación, tamén houbo recital de poesía coa participación de Xulio Xiz, Jesús María Trashorras Nogueira, José Estévez e Luisa Arias.

Pintor autodidacta

Antonio Rivas Pol naceu na Pontenova, (Xudán ,1948), e estudou Maxisterio en Lugo, profesión que exerceu ao longo da súa vida profesional en diversos lugares: Chantada (Lugo), Caborana (Asturias), Betanzos e Ferrol. Desde sempre sentiu a necesidade de expresarse por medio do debuxo e a pintura, área que impartía aos seus alumno, e na que se especializou co obxectivo de alcanzar unha maior formación con cursos oficiais coa achega de expertos en temas que consideraba importantes. Foi así como coñeceu ao acuarelista asturiano Sellaño; a quen invita ás súas clases de plástica coa finalidade de ensinar ao alumnado esta técnica. Os seus comezos foron óleos, a partir da amizade con este acuarelista foi pasando gradualmente ao mundo da  acuarela en exclusividade. Conversacións, lecturas, visitas a exposicións e moito papel roto, son os métodos de traballo de Antonio Rivas, pintor autodidacta. “Sempre creo no camiño persoal de cada artista como aceno de formación, atopando na paisaxe un mundo inagotable de aprendizaxe e inspiración”, sinala para explicar a súa afección.

Horario
O horario da mostra, que estará exposta ata o 20 de novembro, é de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas; sábados dende ás 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.