Chega ao MIHL Unha vida para pensar, a exposición pictórica do artista lucense Julio Díaz Gesto

Maio 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este xoves, no Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL), a exposición Unha vida para pensar, do pintor Julio Díaz, que estará exposta ao longo dos meses de maio e xuño. 

Carmen Basadre sinalou que “é un orgullo encher esta sala do Museo Interactivo da Historia de Lugo coas obras pictóricas dun creador lugués que leva máis de 20 anos dedicado ao mundo da arte e que nos traslada, con esta exposición Unha vida para pensar, ambientes cotiáns da cidade de Lugo a través do seu estilo tan característico, cunha pincelada solta e un gran predomino da cor gris”.

O autor da exposición, Julio Díaz Gesto, nado en Lugo no ano 1952, leva máis de dúas décadas entregado á arte e a creación pintoresca. Hostaleiro de profesión, comezou a sentir inquietude pola pintura nos anos 90, cando se iniciou de forma autodidacta no eido artístico. A súa gran inspiración, e que tamén define o seu estilo, foi o artista, Tino Grandío. 

 

Unha vida para pensar, poderase visitar de martes a sábado, en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:30 horas e domingos, de 17:00 a 20:00 horas.