Maio 2018 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, visitaron aos alumnos de 3ºC do IES Lucus Augusti de Lugo, para coñecer os traballos que están realizando co material didáctico doado pola Deputación na Semana Escolar das Letras Galegas, que este ano homenaxea a María Victoria Moreno. Nesta actividade participan preto de 7.000 alumnos e alumnas. No acto estivo tamén presente o autor do libro e amigo persoal da homenaxeada, Xosé Antón Perozo.
Campos Conde remarcou que “esta proposta recibiu unha extraordinaria acollida, xa que participan nela 45 centros de Educación Secundaria de toda a provincia, nos que 384 docentes realizarán co seu alumnado as actividades propostas co material didáctico…”, sinalou.
Vinculación con Lugo
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinalou que “Lugo ten unha importante vinculación coa autora, quen nos anos sesenta impartiu clases durante dous cursos no centro escolar Lucus Augusti que hoxe visitamos. E fora nese tempo no que ela, nacida en Estremadura e de crianza castelá, descubriu a importancia da lingua e da cultura galegas ás que de seguido se sumou con grande entusiasmo ata o extremo de se converter nunha pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego, na que obtivo importantes recoñecementos ademais do interese da xente nova”.
Actividades da Semana Escolar das Letras Galegas
Durante esta semana escolar realizaranse diferentes actividades, nas que se inclúe un programa con propostas de traballo, ademais editouse unha Guía do Profesorado con pautas para utilizar o manual, que xa recibiu todo o alumnado inscrito e os seus profesores. E o día 16 de maio como remate da semana escolar e das actividades, ás 12:00 da mañá, os centros participantes procederán á realización dunha serie de actos literarios ao redor da figura de María Victoria Moreno e a súa obra e vida.