Homenaxe colectiva de Lugo a Isidro Novo o 3 de novembro no Vello Cárcere

A programación de actos conmemorativos, organizados polo Concello e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, contempla un simposio, a descuberta dunha placa, un recital poético musical e unha exposición
O Pleno da vindeira semana votará, a instancias do Goberno, designar á Biblioteca Municipal co nome de Isidro Novo
Isidro Novo durante a presentación dun libro na librería Trama

Outubro 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, presentaron, no patio central do Vello Cárcere, o programa de actos en homenaxe a Isidro Novo, que organiza o Concello xunto ao colectivo o vindeiro 3 de novembro. Fixérono xunto ao narrador oral Lois Pérez e o escritor Antonio Reigosa, que forman parte do comité organizador das actividades conmemorativas, que contemplan un simposio, a descuberta dunha placa, un recital poético musical e unha exposición.

A edil amosou o orgullo de celebrar esta homenaxe ao tempo que anunciou que no vindeiro Pleno Ordinario, que se celebrará o próximo xoves, se votará, a instancias do Goberno de Lugo, designar a Biblioteca Municipal co nome de Biblioteca Municipal Isidro Novo, un asunto que xa se tratou esta mañá na Comisión de Benestar e Cultura.

 

Programa da Xornada de Homenaxe:

Lugar: O Vello Cárcere

10:30 Simposio. Nel intervirán Jose Luis Calvo, co relatorio Isidro Novo: retrato robot; X.Ramón Freixeiro, con Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías, Yago Rodríguez, que fará Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo e Marica Campo, que falará sobre A poesía de Isidro Novo.

Tamén haberá o faladoiro Alén da escrita. O outro Isidro; coa participación de Cesáreo Sánchez, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla. Presentarán e moderarán esta actividade Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Posteriormente, descubrirarase unha placa, sobre as 13:45 horas, na que foi última morada do homenaxeado, na rúa Bispo Aguirre 10.

Xa en xornada de tarde, o patio do Vello Cárcere será testemuña dun recital, no que intervirán Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija e Luis Valle. Do mesmo xeito que o simposio, Lois Pérez e Antonio Reigosa presentarán a actividade, que terá banda sonora, da man de Tundal, Minhotos e Pilocha.

Para rematar a homenaxe, durante toda a xornada no patio central e celas do Vello Cárcere, poderá contemplarse unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo. A artisa Viki Rivadulla será a comisaria. Con todas estas actividades, posteriormente o Concello editará un libro.

Isidro Novo

(Lugo, 5 de outubro de 1951 – 1 de febreiro de 2018)

Logo publicar dous libros temperáns en castelán (14 poemas e Despacios), Teaza de brétema, colección O Barco de Vapor, 1994, foi o seu primeiro libro individual en galego. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes, o libro de relatos Carne de Can e o poemario Dende unha nada núa (Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, 1996).

En 1999 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e a seguir as novelas Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio (Premio Risco de Literatura Fantástica no 2005 e Premio Arcebispo San Clemente, 2007). No mesmo ano 2007 ve a luz Esteiro de noites falecidas (Premio Concello de Carral, 2006) e en 2009 publícase a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Os fidalgos de Monforte: historia cabaleiresca do século XV. Tamén son obras súas o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010), o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010), así como a novela de terror Sinistra Deixa (2012). 

En 2016 sae á rúa o libro Memorias do san Froilán en cuxa elaboración participan tamén os asistentes ao Obradoiro de Narración Oral patrocinado polo concello de Lugo. Neste ano 2017 ven a luz o poemario CO2 e a novela O tabú na traslenda.
En tempos fixo radio (programa “Gomorritas e novas criaturas” na pirata Radio Clavi), ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na cidade de Lugo.

Durante o último decenio foi vogal por Lugo no Consello Directivo da AELG e colaborador moi activo da Sección de Literatura de Tradición Oral, participando activamente no proxecto Polafías (máis de 30 celebradas por todo país desde 2007), da posta en marcha das distincións Mestras e Mestras da Memoria, da revista oral do San Froilán, “Letra das Festas”, e na organización das Xornadas de Literatura Oral.
Tamén puxo en marcha o proxecto da AELG denominado “Palabras con memoria” co obxectivo de recuperar palabras, expresións e acepcións nosas en desuso que por diversas razóns non atoparon sitio nos dicionarios e, polo tanto, en severo perigo de extinción. Máis de mil trescentas entradas ou palabras recuperadas que se poden consultar libremente na web da asociación, amais de térense publicado en distintas épocas no xornal La Voz de Galicia e no semanario Sermos Galiza.

Bibliografía (selección)

POESÍA

En castelán

14 Poemas. Lugo: La Voz de la Verdad, 1974.

Despacios. Lugo: Martínez Sarceda, 1980.

En galego

Dende unha nada núa. IX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Sada: Ediciós do Castro, Colección de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, 1997.

Sonetos. Ilustracións de Surikou. Pontecandelas: Edicións do Estrume, col. Suido, 2000.

Esteiro de noites falecidas. IX Premio de Poesía Concello de Carral. A Coruña: Espiral Maior, col. Poesía, 2007.

CO₂. Santiago de Compostela: Edicións Positivas, col. Di-Versos, 2017.

NARRATIVA

Literatura infanto-xuvenil

Teaza de brétema. Finalista Premio O Barco de Vapor 1992. Vigo (Pontevedra): S.M. col. O Barco de Vapor, 1994, 108 pp.

Relato curto

Carne de can. Santiago de Compostela (A Coruña): Edicións Positivas, 1997.

Antollos da Eimarmena. Santiago de Compostela (A Coruña): Edicións Positivas, 1999.

Cabalos do demo e outros invertebrados. Ilustración Ánxela Pérez Meilán. A Coruña: Editorial Trifolium, col. Litterae, 2010.

Novela

Por unha presa de machacantes. Ilustracións de Quique Bordell. Santiago de Compostela (A Coruña): Edicións Positivas, 1996.

Súa de si. A Coruña: Biblos Clube de Lectura, col. Mandaio, 2003.

Rosa lenta. Finalista do Certame de Creación Literaria “Terra de Melide” 2004. Vigo (Pontevedra): Francka Editora, 2004.

Un escuro rumor tralo silencio. Premio Risco de Literatura Fantástica 2005. Santiago de Compostela (A Coruña): Sotelo Blanco, col. Medusa, 2005.

Sinistra deixa. Ilustración de Elerre. Noia (A Coruña): Editorial Toxosoutos, col. Nume, 2012.

O tabú na traslenda. Santiago de Compostela (A Coruña): Urco Editora, col. Alcaian, 2017.

OUTROS LIBROS

Autoría individual

Guía do bebercio lugués ou as rotas do viño artesanal,: A Taberna de Marcos, 1992 e 1995

O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar. A Coruña: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, col. Viaxes Literarias, 2010, 73 pp.

 

A estas obras deben engadirse traducións, textos de creación, limiares, e ducias de artigos publicados en  xornais, revistas  e volumes colectivos.

 

“Autobiografía”. En:

http://bvg.udc.es.

http://www.aelg.org.