Isidro Novo Homenaxe

Xaneiro 2019 Aínda a flor de pel as emocións vividas na primeira parte da homenaxe que se celebrou en novembro, chega a segunda e última parte da mesma que nos fai especial ilusión porque axudará moito a perdurar o seu nome – e o interés por él e a súa obra – no tempo: o 1 de febreiro ás 19:00 celebraráse o acto de descuberta do rótulo que designa a Biblioteca Municipal de Lugo (Parque da Milagrosa) como BIBLIOTECA MUNICIPAL ISIDRO NOVO (Por acordo unánime do pleno municipal en sesión celebrada a finais de outubro de 2018).

Ao remate do acto precedente trasladarémonos ata o salón de actos do MIHL para a presentación do libro “Isidro Novo 1951 -2018).

Sobre o libro: ISIDRO NOVO 1951 – 2018

A presentación deste libro-homenaxe a Isidro Novo (Lugo, 5 de outubro de 1951 – 1 de febreiro de 2018) supón o colofón aos actos organizados na súa memoria.

Este volume recolle os textos dos relatorios, recitados e imaxes da emotiva homenaxe que lle dedicaron o pasado 3 de novembro de 2018 un grande número de amigos e amigas no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.

A obra consta de varios capítulos, ademais do saúdo institucional a cargo da  concelleira, Camen Basadre, e dun limiar. No capítulo denominado “Vida e escrita” inclúense estudos e análises en profundidade arredor da vida e das distintas facetas creativas de Isidro como narrador, poeta, dinamizador e xestor cultural.

Homenaxe Isidro Novo
Descubrimento da placa na que foi última morada do homenaxeado, na rúa Bispo Aguirre 10.
En “Alén da escrita. O outro Isidro” trátanse aspectos máis persoais, desde a perspectiva da amizade. En “A coroa poética” “A coroa narrativa”, “A coroa plástica” e “Dúas epístolas” recóllense as creación literarias e artísticas, poemas, relatos, fotografías, ilustracións… de 65 persoas que homenaxean a Isidro coas súas creación.

Unha detallada bibliografía sobre e de Isidro Novo, elaborada por J. Luis Calvo, retratos de diferentes fotógrafos e unha ampla reportaxe fotográfica de Xosé Reigosa dos actos do 3 de novembro pechan este volume que no seu conxunto constitúe un monográfico solvente, rigoroso e afectivo para quen foi un intelectual recoñecido, extraordinario escritor e excelente amigo

ISIDRO NOVO 1951 – 2018
Coordinador: J. Luis Calvo Vidal
Cuberta deseñada por Quique Bordell
Maqueta: Martiño Cabana e Darío Xohán
Cabana
Imprime: La Voz de la Verdad
Edita: Concello de Lugo. Concellería de Cultura,
Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua
ISBN: 978-84-92895-36-6
Depósito legal: LU 3-2019
261 páxinas