II Encontro de banda deseñada histórica

Abril 2019  Sempre é motivo de alegría a segunda edición de calqueira evento cultural en Lugo. Confirma o éxito da primeira edición e a aposta pola súa continuidade. Nesta ocasión, Sonsoles López Izquierdo, Manel Cráneo e Javier Montes, presentaron, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que reunirá entre o 25 de abril e o 5 de maio aos mellores ilustradores de Galicia. Entre as actividades programadas haberá unha masterclass, proxeccións, obradoiros de debuxo para nenos, un roteiro histórico ou unha sesión vermú de contacontos históricos

PROGRAMA

Comezará o xoves 25 de abril cunha masterclass sobre cor dixital, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Será ás 17:00 horas, na Escola de Arte Ramón Falcón.

Continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica.

O sábado 4 de maio, ás 10.00 horas, haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia. Os interesados poden apuntarse en www.rutasdehistoria.com

A partir das 11:00 horas deste mesmo día no CENTRAD, haberá un obradoiro para nenos no que aprenderán as principais técnicas da ilustración histórica, a debuxar castrexos, romanos, viquingos ou cabaleiros medievais, entre outros. Os interesados en inscribirse poden facelo a través do seguinte enderezo: http://historiadegalicia.gal/ii-encontro-banda-desenada-historica-de-galicia/.

Ás 13.00 horas os autores participantes no encontro asinarán libros na Librería Totem.
Na tarde do sábado, a sala central do CENTRAD acollerá varias conferencias e mesas redondas cos autores: Miguel Fernández, falará sobre a banda deseñada da Galicia medieval ás 17:30 horas; Manel Craneo, explicará a historia da banda deseñada en Galicia ás 18:30 horas; e Javi Montes e José Barreiro falarán sobre o mercado europeo de banda deseñada histórica ás 19:30 horas.

Por último e como remate a esta programación, o 5 de maio, ás 12:00 horas na Sala Clavicémbalo, proxectaranse películas e documentais sobre banda deseñada e haberá unha sesión de contacontos históricos da man do actor e contacontos, Avelino González. Tamén haberá oportunidade de manter conversas máis informais cos ilustradores.