Presentado o libro “Réquiem” da luguesa Dolores Seijas

FEB 2018 A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este mércores o acto de presentación da obra Réquiem, da luguesa María Dolores Seijas Soto, “unha novela histórica, que hoxe presentamos nun lugar histórico, o Vello Cárcere”. No acto, celebrado nun ateigado auditorio, ademais da propia autora, tamén estivo presente o xornalista Ernesto Sánchez Pombo e catedrático de histoira da pedagoxía da USC, Eugenio Otero.

Na presentación, Méndez agradeceu a Seijas a oportunidade que ofrece aos lectores de compartir unha viaxe, chea de emocións, á historia de Polonia. Así mesmo, fixo fincapé no lugar escollido para a presentación, o Vello Cárcere, que igual que Réquiem foi testemuña de dor e sufrimento.

Réquiem trátase dunha novela, que segundo a propia autora, “fala da dor dos xudíos polacos e palestinos”. É a segunda obra de Seijas, tras a publicación de El maestro de Zaín. A orixe da publicación está nunha visita que a autora fixo a Polonia, no que foi invitada a un concerto ao aire libre no que se interpreta Réquiem, de Mozart. Despois volveu ao país diversas veces, interesándose pola súa historia. A escritora relacionou a experiencia musical e esta historia (particularmente o asasinato de 1.681 xuídos nun pobo ao sur do territorio polaco, en Jedwabne), para falar dos acontecementos que derrocaron o comunismo en Polonia e sobre o conflicto entre palestinos e israelíes.

A novela, polo tanto, guíase polo Réquiem de Mozart, que actúa como columna vertebral, pois as personaxes -unha bailarina de ballet e un periodista- xurden desa peza e as súas existencias, flúen por este cauce musical.

Mª Dores Seijas Soto

María Dores Seijas Soto naceu en Lugo e sempre viviu nesta cidade. Casada e con dous fillos ten cinco netos. A súa vida profesional transcorreu como funcionaria da Deputación Provincial de Lugo. Sempre quixo escribir e  a fascinación pola figura e personalidade do seu avó, Luís Soto Menor, que morreu cando ela tiña dezaseis anos, conduciulle a plasmar a súa primeira novela, O mestre de Zaín ( Edicións Libertarias), co anhelo de rescatar a súa memoria. A novela que saíu á luz no ano 2009 tivo unha ampla difusión e contou  con numerosas presentacións públicas, ampla edición de exemplares e repercusión en medios de comunicación Por motivos familiares viaxou repetidas veces a Polonia, país que lle fascinou primeiro pola súa natureza e despois pola súa historia o que a impulsou a escribir Réquiem. Muller de gran sensibilidade e fortaleza, goza coa música clásica.