Novembro 2018 Trasladamos aos lectores e lectoras deste medio o comunicado de Tele-Clube -fb-  tal cual o recibimos e AGRADECEMOS por adiantado a cada un de vos que lle dediquedes un minuto do voso tempo,…polo ben de Lugo dedícalle un minuto do teu tempo: 

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN TELE-CLUBE CON MOTIVO DO CAMBIO DE UBICACIÓN DO CONCERTO DE NUDOZURDO O 10/11/2018

O 10 de novembro deste ano, Tele-Clube, asociación cultural sen ánimo de lucro, quixo dar un paso adiante no noso proxecto de revitalizar os barrios, polo que pensamos, na nosa convicción por descentralizar a cultura e achegala ao esquencido Barrio da Estación, que un escenario ideal sería unha das naves que serven de almacén da estación de ferrocarril da cidade, espazo tamén moribundo desgraciadamente.

Así, ideamos a utilización da nave “A Vida” para celebrar o concerto de Nudozurdo na súa xira de despedida dos escenarios, con esta única data en Galicia, con esta exclusiva parada en Lugo.

O pasado 7 de novembro, a tan só 3 días do concerto, tras coñecer na noite anterior que o espazo que desexabamos utilizar para este evento tan especial non reunía para Adif -concesionaria das instalacións- as condicións de uso para as que se concedera a dita nave, Tele-Clube anunciou inmediatamente, vía redes sociais e a través de notas de prensa aos medios de comunicación, que se cambiaba de ubicación o concerto, por razóns alleas á nosa organización, facilitando a posibilidade de devolución das entradas a quen se vira prexudicado polo cambio.

Este rápido cambio de lugar non houbera sido posible sen a inestimable axuda desinteresada e xenerosa de Alberto Grandío, propietario do Club Clavicémbalo, quen non dubidou un minuto en reorganizar a programación desa noite, para cedernos amablemente o seu marabilloso espacio.

Posteriormente a isto, xa reorganizado o evento, para adaptalo ás condicións legais e de seguridade requeridas, o 8 de novembro, o noso Secretario recibe unha notificación do Concello de Lugo dun Decreto da Alcaldesa de Lugo que “suspende” o espectáculo anunciado na dita nave da estación, e advertindo que se vai “enviar nota de prensa indicando que en aplicación de la normativa de la Xunta de Galicia sobre espectáculos públicos, se procede mediante el Decreto del órgano competente la suspensión del citado concierto”.

O 9 de novembro, La Voz de Galicia e El Progreso, facéndose eco, entendemos, desa nota de prensa do Concello de Lugo, publican a bombo e prato que o Concello “prohíbe” o concerto de Nudozurdo na nave da estación de tren, concerto que xa se cambiara de ubicación dous días antes.

Dende Tele-Clube vémonos na obriga, por tanto, e cumprindo o que anunciamos o pasado 7 de novembro, de elaborar e publicar este comunicado para aclarar tódalas dúbidas que poida ter, non só o público dos nosos eventos, senón toda a veciñanza da nosa cidade.
Tele-Clube nunca celebraría un concerto, evento ou acción cultural nun espazo que non reunira as mínimas condicións de seguridade, salubridade e legalidade e puidera por en risco a calquera persoa.

Tele-Clube é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que naceu coa idea de dar a coñecer e revitalizar espazos esquecidos e abandoados, ás veces, da nosa cidade e provincia, para efectuar actividades artísticas, coa música en directo como fío condutor.

Tele-Clube solicitou a institucións públicas da nosa provincia poder empregar espazos públicos para eventos artísticos, neste ano, sen que durante o 2018 fora aceptada aínda esta posibilidade, quedando pendiente de facerse efectiva no 2019.

A nova Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que entrou en vigor o 2 de xullo deste ano, esixe aos locais para programar concertos unha licencia específica que deberá outorgar o Concello correspondente, e que depende dunhas condicións en moitos casos inviables.

Así, a partires da entrada en vigor desta norma de carácter autonómico, en mans dos Concellos, e neste caso, do Concello de Lugo, estará a posibilidade de salvar a música en directo e a cultura na nosa cidade, ou deixala morrer, despois dun rexurdimento máis que notable nos últimos tempos, grazas a persoas e colectividades que coas súas accións culturais acadaron poñer a Lugo no mapa da cultura en Galicia.

Tele-Clube ten unha programación cultural deseñada, en boa parte xa, para o vindeiro 2019, que anhela poder levar a cabo para compartir entre a veciñanza da cidade e da nosa provincia, no caso de que a nosa proposta de compartir os espacios públicos coa veciñanza, non encaixe coa das correspondentes institucións, verémonos na obriga de remodelar o noso concepto e razón de ser.

A resposta do público no concerto de Nudozurdo, celebrado no Club Clavicémbalo, este sábado 10 de novembro, coas entradas esgotadas e o aforo completo, fainos máis fortes e mantennos unidas ás nosas veciñas, o único que demandamos agora é que as institucións públicas non nos corten as ás nin nos pisen os soños.

Tele-Clube é de Lugo para Lugo.
En Lugo, a 11 de novembro de 2018