O próximo mércores 28/11, concerto dos “Solistas de Cámara de Brno”

Novembro O próximo mércores, 28 de novembro ás 20:00 h. no Círculo das Artes temos unha nova cita cos concertos da Sociedade Filarmónica de Lugo. Esa noite tocarán os “Solistas de Cámara de Brno” o programa seguinte: 

A. Vivaldi (1678-1741) – Concerto para violín, óboe, cordas e baixo continuo Op. 47/2 RV 533

T. Albinoni (1671-1751) – Sonata a 5 en do maior Op. 2 nº 3

J. C. Bach (1735-1782) – Concerto en do menor para violonchelo e orquestra de corda

L.v. Beethoven (1770-1827) – Concerto para violín, violonchelo e piano, Op. 56, “Triplo Concerto”

Solistas de Cámara de Brno

Orquestra de cámara

Jan Škrdlík, violonchelo

Petra Besa, piano

Zdeněk Nádeníček, óboe

Pavel Fajtl, violín

Esta agrupación musical comezou a súa andadura en 1990 en Brno, importante centro cultural da República Checa. Formada por eminentes músicos, membros da Filharmónica de Brno e a orquestra de ópera do Teatro Nacional de Brno, todos teñen experiencia en xiras por todo o mundo. Dende a súa presentación en Brno desenvolve unha intensa actividade concertística, participando con éxito durante case vinte anos na vida musical tanto no seu país como no exterior. A súa composición é variable segundo o programa a interpretar e vai dende 10 músicos de corda ata os 16 integrantes, unha pequena orquestra de cámara clásica e abarca un repertorio moi variado que inclúe as obras que van dende os mestres barrocos ata a música contemporánea. Realiza con frecuencia gravacións para a Radio e TV Checa en Brno e colabora con renomeados solistas instrumentais e vocais checos e estranxeiros.

Jan Škrdlík, violonchelo

O líder artístico e un dos seus fundadores é Jan Škrdlík, procedente dunha familia de músicos, Jan Škrdlík está hoxe en día entre os máis renomeados solistas de violonchelo da República Checa. Tras realizar os seus estudos musicais na Academia de Música Janáček en Brno baixo a dirección de J. Hališka e B. Havlík, perfeccionouse con D. Veis en Praga e completou a súa formación musical con L. Claret en Barcelona. Polos seus éxitos na difusión das obras dos compositores checos no seu país e no exterior obtivo o Premio do Fondo de Música Checo e outras distincións máis. Paralelamente á súa carreira de solista dedícase intensamente á música de cámara e colabora con diversas agrupacións (Cuarteto Wallinger, Brno Chamber Soloists e Música Antiqua Viva). Durante os últimos vinte anos efectuou máis de 1.500 actuacións na maioría de países de Europa, os E.U.A. e Asia. O seu CD coas suites para violonchelo de J.S. Bach foi escollido pola firma discográfica xaponesa Geocities entre os 10 títulos máis representativos da música checa. Dende 2003 ocupa o posto de profesor de violonchelo no Conservatorio de Brno.

Pavel Fajtl, violín

Aos 17 anos comezou a realizar gravacións na Radio Checa. Posteriormente chegou a ser concertino da Brno Estudio Orquestra. Con esta agrupación gravou máis de 90 obras como solista. Colaborou tamén con outras orquestras en Europa, Norte América e Xapón acompañando a músicos célebres como Sarah Brightman, Andrea Bocelli, Navah Perlman e outros.

Petra Besa, piano

Despois da formación no Conservatorio de Brno continuou na Academia de Música Janáček en Brno trasladándose logo a Berna para estudar na Swiss Hochschule für Musik und Theater recibindo clases de Bruno Canin. Actuou como solista coa Orquestra Filharmónica de Brno, Camerata Bern, Ensemble Kaleidoscope, Cuartetos Merel e Wallinger. É moi activa no ámbito da música de cámara. Na actualidade Petra Besa vive en Lucerna actuando como pianista na Musik-Akademie en Basilea.

Zdeněk Nádeníček, óboe

O oboísta Zdeněk Nádeníček é membro da Orquestra Filharmónica de Brno así como director de varios conxuntos musicais cooperando activamente, en ambas as dúas tarefas, con destacados grupos entre os cales podemos nomear o Quinteto de vento Foerster, a agrupación de música contemporánea Ars Incognita, a orquestra de cámara os Solistas de cámara de Brno e outros. No ano 2012 debutou en Xapón coa orquestra Czech Virtuosi como director e instrumentista de corno inglés á súa vez.