Coque Malla cabeza de cartel do Festival Internacional Ribeira Sacra

Xuño 2018 O 17º Festival Internacional Ribeira Sacra terá lugar do 27 de xullo ao 5 de agosto en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Ourense, Castro Caldelas, A Teixeira e Negueira de Ramuín. 

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde,  destacou na súa presentación que “un ano máis, convertemos ao Goberno da Deputación, no principal patrocinador do Festival da Ribeira Sacra (24.000 euros) para consolidalo como un dos máis potentes de toda Galicia… dende a Deputación seguiremos apostando por este tipo de iniciativas porque consideramos que non son un gasto se non un investimento para a nosa provincia, que sen dúbida dinamizará a economía, o turismo e a vida nas vilas da Ribeira Sacra”.

O Ribeira Sacra mestura a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. “Eses son os catro eixos do festival co que propoñemos unha experiencia ao redor da música en directo, do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra” apuntou Carlos Montilla -director do festival- O festival divídese en dúas fines de semana con conceptos diferenciados: experiencias musicais para sentir o territorio e directos exclusivos en espazos patrimoniais. A programación inclúe concertos no Parador de Monforte, no Miradoiro de Santiorxo, no Castelo de Castro Caldelas, no Parador de Santo Estevo, na Praza de España de Chantada, así como visitas guiadas aos Concellos e ás adegas da zona, con catas de viños e degustacións de produtos autóctonos en Rectoral de Amandi, Regina Varium, Reitoral de Gundivós, e Adega Algueira.

Carlos Montilla subliñou que “é un cartel moi variado, dirixido a todo tipo de públicos e gustos, sobre todo para as familias, e no que os asistentes poderán ver en directo a artistas como Coque Malla, De Vacas, Elvis Perkins, Freedonia, Fuckaine, Ghost Beast, Gloria, Harvesters, Holly Miranda, Morgan, Mujeres, Puerto Candelaria, Ten Fé, Tulsa, Woods e moitos máis, que fan desta, unha segunda edición moi potente”. Carlos Montilla destacou que xa venderon o 70% dos abonos do Festival 17º Ribeira Sacra. Os interesados en mercar as entradas dos diferentes paquetes por días que se ofrecen para o evento poden facelo a través da www.festivalribeirasacra.com.  

Segundo as previsións que manexa a organización, o festival reunirá a máis de 3.500 persoas, procedentes de toda Galicia, xerando un volume de negocio para a provincia de máis de 250.000 euros e máis de 60 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, como na anterior edición, espérase o 100% da ocupación hoteleira na zona.

O Festival 17º Ribeira Sacra conta co apoio do Goberno da Deputación, o Concello de Monforte de Lemos achega de 5.000 euros. Tamén colaboran o resto de municipios onde se celebra o festival, así como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, AGADIC e Galicia Calidade.