24/08 Concerto de Soledad Vélez en Lugo

SOLEDAD VÉLEZ. “A PANTEIRA NA TERRAZA”. Lugar: Terraza do Hotel Méndez Nuñez de Lugo. Data: 24/08/2018 Organiza: Tele-Clube. As entradas anticipadas xa están dispoñibles a 10 euros en Ho! Gruf ou en Wegow.com reservándose un número reducido na porta a 12 euros, para os primeiros.

AG 2018 Trala estrea de Tele-Clube co concerto de Autumn Comets i Espiño o pasado 14 de abril, con sold-out, a asociación cultural lucense volve á escea, programando para o vindeiro venres 24 de agosto, un evento moi ansiado: Soledad Vélez na Terraza do Hotel Méndez Núñez.

Soledad Vélez presenta, por primeira vez en Lugo, o seu cuarto disco, primeiro íntegramente en castelán: “Nuevas Épocas”. Neste disco cántalle ao amor, á distancia, á natureza, ás viaxes no tempo, á amizade, á noite,… con ecos doutra década, teclados vintage e sintes oitenteiros, que nos din a verdade desde unha mística recén descuberta que non é triste, é alegre, é escura pero é brillante e viva.

Soledad Vélez, artista, incipiente arquitecta, música, viaxeira, naceu en Chile pero axiña decidiu emprender outro rumbo -guitarra ao ombro- e  instalouse en España. Valiente, como as mulleres do noso tempo, como as nosas predecesoras, Vélez dá un xiro á súa carreira neste cuarto álbum e transforma a súa voz de blueswoman na narradora doutra vida interior, profunda pero festiva, porque nestas “Nuevas Épocas” se baila moito e ben.

Será hora e media de concertazo na terraza do sexto piso do Méndez Núñez, no solpor, co ceo vermello de fins de agosto adozando a cadencia dun verán que vai rematando e desexa un outono “bacán”, que diría a chilena.

Como é costume en calquera evento de Tele-Clube, apaixonada da cultura tamén gastronómica, a música virá acompañada de bebida e tapa. Así, pois, os asistentes ao concerto poderán refrescarse nesta tarde de verán, coas consumicións que servirá a cafetería do Hotel Méndez Núñez e deleitarse co Albariño, Denominación de Orixe “Rías Baixas”, cortesía da bodega Moraima, pequena cooperativa vitivinícola de Barro (Pontevedra) que se suma á oferta cultural lucense de Tele-Clube, coa súa aportación en forma de excelente viño branco.

As entradas anticipadas xa están dispoñibles a 10 euros en Ho! Gruf ou en Wegow.com reservándose un número reducido na porta a 12 euros, para os primeiros.

Ligazóns de interés:

Evento

Discográfica: Subterfuge

Promotor: Tele-clube

Espazo: Hotel Méndez Nuñez

Colabora: Adega Moraima

Entradas: Wegow & Ho!Gruf