A Deputación recibe 5 recoñecementos pola súa labor social dende a Rede Museística Provincial

DEC 2017 Na inauguración da mostra Fotografía a Cegas IV Trato-Retrato anunciouse unha nova fantástica para a cidade: a Deputación recibiu no último mes 5 recoñecementos pola súa labor social dende a Rede Museística Provincial.

Así o informou o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde:

 “…os 5 recoñecementos que recibiu o Goberno pola súa defensa dos dereitos das persoas son: Fundación Anade, pola integración social 2017, por todos os proxectos en defensa da plena inclusión; fomos incluídos no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural polo plan de inclusión que temos en marcha na Rede Museística; o proxecto Nos+utrxs en Rede recibiu a mención de honra no Premio Iberoamericano de Educación e Museos, polo seu papel en prol da igualdade de xénero; así mesmo, o proxecto Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro é unha das dúas iniciativas internacionais seleccionadas por Ibermuseos para desenvolver no próximo ano; e, finalmente, o MINOM recoñeceu a labor social da Deputación elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental”.
 

O Presidente presentou tamén o proxecto internacional Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro/a, no que participan os 4 museos da Rede Museística Provincial e que vén de ser seleccionado por Ibermuseos para desenvolverse no próximo ano entre as cidades de Cali, en Colombia, e Lugo dentro da 4ª Convocatoria Conversaciones.

Esta iniciativa parte do proxecto Culturas en Diálogo que puxo en marcha a Rede Museística da Deputación no ano 2000. O obxectivo é establecer canles de diálogo entre as dúas beiras (Cali e Lugo) que poñan en valor a posición da muller na resolución dos conflitos armados, preservando o patrimonio inmaterial (as voces femininas que traballan pola paz, mediando conflitos), e construíndo coas comunidades e colectivos un relato en feminino do proceso de paz colombiano e de reinserción da muller condenada.  O proxecto será realizado a través dun conxunto de accións, como dúas grandes exposicións, unha a principios de 2018, no Museo La Tertulia de Cali, e outra en decembro do próximo ano en Lugo.

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES