A Fundación ANADE premia a labor de integración da Deputación na Rede Museística

Fonte da foto: gabinete comunicación deputación

DEC 2017 A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto; e a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e a Representante de ANADE en Galicia, Ángeles Fernández Maira; presentaron este xoves o VIII Premio Integración social 2017 que outorga a Fundación ANADE á Rede Museística da Deputación, pola súa labor a prol da integración e plena inclusión social que desempeña nos 4 museos da provincia. A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 16 de decembro no Círculo das Artes da capital. Este galardón forma parte dos 5 recoñecementos que recibiu no último mes a Rede Museística pola súa importante labor social.

García Porto subliñou que “neste sentido, a Rede Museística da Deputación é un exemplo de implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con capacidades diferentes, así como un modelo de accesibilidade a todos os cidadáns en Galicia. Este novo recoñecemento da Fundación Anade é froito de todo o esforzo e labor que desempeñamos dende o Executivo Provincial, neste caso, a través da Rede Museística, pois a nosa filosofía de traballo está encamiñada en ser unha Deputación social e comprometida coas persoas

A Deputada de Cultura destacou que “somos a única institución a nivel nacional que traballa co modelo da sociomuseoloxía. Este modelo de xestión pioneiro busca converter o museo nun elemento de dinamización e cohesión social, unha institución en permanente interacción, non só cos seus visitantes, senón tamén con todos os actores da sociedade, coproducindo con eles novas actuacións dirixidas á procura dun futuro máis sostible”.

Ana González Abelleira recoñeceu a labor do Goberno Provincial por facer a provincia “máis integradora” e agradece a labor de ANADE “que nos permite coñecer dende as administración públicas a enorme labor social que desempeñades na provincia, co fin de conseguir unha plena integración”.

Colaboracións co colectivo

O Executivo Provincial colabora coa Fundación ANADE cunha achega económica de 1.000 euros para a celebración de cursos de formación de teatro durante todo o ano e a través da programación Buxiganga Teatro. O Concello de Lugo cede o espazo do Centro Sociocultural de Fingoi para o desenvolvemento destes obradoiros. En total son 14 veciños da provincia con algún tipo de discapacidade ou enfermidade mental os que participan nestes cursos de artes escénicas impartido por monitores e profesionais da interpretación. Nel realizan exercicios de axilidade, movemento, confección de roupa ou de voz, entre outros moitos.

Fundación Anade

A Fundación  Anade é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a integración social e laboral das persoas con discapacidade ou enfermidade mental. Promove e realiza actividades encamiñadas a este fin, a través da arte e a creatividade. A arte e a creatividade é o medio máis eficaz para que este colectivo desenvólvase integramente como persoas e expresen as súas opinións sobre a sociedade na que viven. A través destas actividades e proxectos informan á sociedade e fomentan un mellor coñecemento e intercambio de experiencias entre as diferentes persoas e colectivos que integran a comunidade.

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES