ENE 2018 A maxia e a ilusión reina en Lugo na última semana das actividades de Nadal. Para elo, o Concello ten programadas distintas sesións do espectáculo O Baúl do Mago, a cargo do lugués Mago Rafa. Trátase dunha sesión para público familiar cuxa entrada é de balde. Será na rúa San Marcos este martes, mércores e xoves, en sesión de mañá de 12:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. O broche de ouro das actividades culturais será a Cabalgata de Reis, que partirá ás 18:15 dende a Praza da Milagrosa para chegar á Praza Maior. Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados de unicornios, robots luminosos, música e artesanía, entre outras sorpresas.

Como vén sendo tradición, esta tarde de martes 02, ás 20:30 horas, a Filharmónica de Lugo ofrecerá o gran concerto de aninovo no Auditorio Municpal Gustavo Freire. A entrada é totalmente de balde.
Entre outras alternativas culturais, o Concello ofrece a posiblidade de descubir o Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo cos paseos artísticos por esta vía de peregrinación, esta tarde ás 17:30 horas, e mañá mércores, ás 11:30 horas. O punto de partida de hoxe é a Praza do Campo, e de mañá, a rúa San Eufrasio co Carril das Flores.

Os máis pequenos tamén teñen programación exclusiva estes últimos días do Nadal. As actividades Brinquedos de Nadal, para menores de 6 anos no MIHL, propoñen este martes a representación teatral As aventuras de Mamá Cabra, con Gloria Mosquera, o mércores, Estrafalaria, de Atenera Gracía, e o xoves Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj. Serán ás 18:30 horas, existindo dende as 17:00 ás 20:00 horas un espazo de xogo libre.

Tamén continúan os obradoiros no Vello Cárcere de cociña creativa, ciencia divertida, respostería de Nadal, decoración de caixas xigantes, fabricación de instrumentos de Nadal con materias de refugallo, adornos de Nadal e panxoliñas. Os nenos e nenas que participan neste último obradoiro, impartido por Belem Tajes, actual cantante de Luar na Lubre, terán unha actuación o día da cabalgata na Praza Maior.

Por outra banda, o Concello mantén estes días as ludotecas de obradoiros de cociña creativa e alimentación saudable, en xornada de mañá, de 10:00 a 13:30 horas, no Mercado e na Praza de Abastos. Para participar non é precisa a inscrición, soamente achegarse ata estas instalacións municipais e cubrir a documentación facilitada polos responsables.

A Feira Arte Nadal de artesanía, situada na Praza Anxo Fernández Gómez, as distintas exposicións do MIHL e do Vello Cárcere e Xuvenlugo son outras opcións para a última semana de Nadal en Lugo.