Actos conmemorativos do XVII Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial



Fonte: Gabinete Comunicación Concello
NOV 2017 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes 21 os actos conmemorativos do XVII Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial, que se celebrarán do 30 de novembro ao 3 de decembro en distintos espazos da cidade. Na presentación, a edil estivo acompañada polo profesor e historiador Javier Gómez, así como representantes das asociacións de Asemblearias, Civitas Lucensis, Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas e Cohors III Lucensium.

Carmen Basadre agradeceu “a colaboración de todas as asociacións que participarán nestes actos, recordando que as e os lucenses temos que preservar e dar a coñecer todo o importante patrimonio que temos na nosa cidade e dalo a coñecer en todo o mundo, sentíndonos orgullosos dos bens que xa son Patrimonio da Humanidade”.

Os actos comezarán o xoves, 30 de novembro, ás 20:00 horas coa presentación no Auditorio do Vello Cárcere do poemario de Xosé Otero Canto, Muralla, lúa chea imperial. Posteriormente, ás 21:00 horas, haberá un concerto de Lucus Ensemble no patio do Vello Cárcere.

Para o venres, 1 de decembro, dende as 19:00 horas está programada unha actuación do coro infantil da Escola Municipal de Música con motivo da inauguración do alumeado ornamental de Nadal, que se celebrará na Praza Maior, diante da Casa do Concello.
Ese mesmo día, ás 21:00 horas terá lugar o acto de recreación do inicio da construción da Muralla de Lugo, Moenia Lucensis Civitatis, tamén na Praza Maior, diante da Casa do Concello. A continuación, a partir das 21:30 horas, continuará o acto na Ronda da Muralla, pola zona da Mosquera e cun desfile posterior polo adarve dende o Cantiño ata a Porta de Santiago e polo recinto histórico.
ATENCIÓN: A Ronda da Muralla, no tramo comprendido entre a Praza da Constitución e a Porta de San Pedro, estará cortada ao tráfico rodado o vindeiro venres, 1 de decembro, dende as 20:00 ás 22:30 horas, con ocasión da celebración dos actos do 17 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. O corte non afectará ao cruce da rúa San Roque.

O sábado, 2 de decembro, ás 20:30 horas celebrarase unha charla do profesor e historiador Javier Gómez no Auditorio do Vello Cárcere e a continuación realizarase un paseo nocturno pola Muralla.

Os actos finalizarán o domingo, 3 de decembro, ás 13:00 horas coa actuación do coro de nenas e nenos da Banda Filharmónica de Lugo no patio do Vello Cárcere.

Comparte este artículo en tus redes