03/10  O Espazo de Cine da USC abre o prazo de inscrición nos distintos módulos ou monográficos programados para este curso na sede universitaria luguesa e a través dos que se pretende achegar ás persoas participantes a formación mínima necesaria para poder enfrontarse á creación de traballos audiovisuais como paso previo á creación dun grupo de cine dentro do ámbito universitario.

A grella formativa ofertada na sede universitaria luguesa ao abeiro do Espazo de Cine da USC estrutúrase en cinco módulos:

O traballo de escribir un guión. Impartido polo produtor cinematográfico e guionista lugués Pepe Coira. Se desenvolverá na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo do 20 ao 27 de outubro, 3, 10, 17 e 24 de novembro, 1 e 15 de decembro. Este módulo, estruturado en 25 horas, pretende dar resposta a tres cuestións básicas como o son para que serve un guión?, de que está feito? e como é o traballo dun guionista?. As persoas interesadas poden formalizar a súa preinscrición neste curso ata o 9 de outubro.

Interpretación ante a cámara tanto desde a perspectiva do actor como do director, é o título do módulo cinematográfico de 25 horas de duración que impartirá Jorge Coira a partir do 11 de novembro nas dependencias da Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria.

Iniciación á cinematografía. Bruno Maez conducirá as sesións formativas programadas do 27 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2018. Este curso, estruturado en 25 horas formativas, está dirixido a persoas que queiran iniciarse no mundo da dirección fotográfica ou que estean interesadas en coñecer as tarefas que se desenvolven no departamento de imaxe dunha rodaxe.

Produción rodaxe e distribución estará impartido polo profesor e produtor meirego Suso López. As sesións formativas deste curso, de 25 horas de duración, desenvolveranse os días 24 e 25 de febreiro, 3 e 4 de marzo en quenda de mañá e tarde.

Rodaxe e montaxe dun proxecto. O guionista e director Andrés Goteira coordinará este monográfico centrado na rodaxe e montaxe dun proxecto audiovisual cuxas sesións formativas se desenvolverán os días 17 e 18 de marzo, 7 e 8 de abril, en quenda de mañá e tarde.

As persoas interesadas en acadar este tipo de coñecementos poderán completar cada módulo por separado ou conxuntamente. Todos os cursos reservan un 30% das prazas ofertadas para persoas alleas á comunidade universitaria.

As persoas interesadas en participar na programación formativa do Espazo de Cine da USC poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

O Espazo de Cine da USC é unha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a través da a Área de Cultura do Campus Terra para formar, crear e producir no ámbito do audiovisual.