Comenza en Lugo «Atlántica», Festival Internacional de Narración Oral

O Atlántica chega este ano por primeira vez á provincia lucense grazas á Deputación e ao Concello de Lugo cun programa que se vai desenvolver entre o 20 e o 23 de marzo
Unha ducia de artistas de Xapón, Uruguai, Alacante e Galicia actuarán nos concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro

Marzo 2019 O Festival Atlántica, o encontro máis grande de narración oral da Península Ibérica, vai chegar por primeira vez á provincia lucense na súa sétima edición. 

Entre o 20 e 23 de marzo os concellos de Lugo, Guitiriz, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Viveiro van poder gozar coas historias dunha ducia de contadores que participarán nas quince actuacións gratuítas incluídas no programa. As funcións en Lugo son posibles por mor da colaboración co Concello mentres que as demais son grazas á colaboración da Deputación de Lugo.

O arranque do festival vai ser o mércores, 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, a gran festa dos contadores que se celebra desde 1991 e que este ano celébrase baixo o tema dos mitos, lendas e epopeas. 

Atlántica está organizado por un grupo de profesionais do espectáculo e da xestión cultural dirixidos pola actriz e narradora  Soledad Felloza. É unha iniciativa que procura unha programación cultural integradora e de máxima calidade. Moitas das historias que viaxaron polo mundo naceron e medraron nas lareiras das aldeas e vilas da montaña, e coa luz do candil acesa deron a volta ao mundo.

atlantica
atlantica
Programación en Lugo para os días 21, 22 e 23 de marzo

Mañá, xoves 21 de marzo, ás 20:30 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere, María da Pontragha narrará en galego Contos do que non hai medo e Lois Pérez, Nas corripas da memoria, tamén en galego. Ambas narracións están dirixidas para os adultos. O venres 22 de marzo, ás 17:30 horas, na Biblioteca Municipal terán lugar as narracións dirixidas ao público infantil e familiar, Contos lerias e cousas pequenas, de Vero Rilo e Contos para viaxar a Xapón, de Yoshi Hioki. Ás 19:30 horas, no Centro Cultural O Vello Cárcere, Vero Rilo e Yoshi Hioki narrarán en galego e castelán Contos para adultos. O sábado 23 de marzo, ás 11:30 horas, no Museo Interactivo de la Historia de Lugo terá lugar un espectáculo con voz e lingua de signos dirixidos ao público familiar, Unhas gafas como as do avó de Catoxo e Gema Santos.