ABRIL 2018 A Escola Municipal de Música vai a editar o seu segundo CD e busca portada. Para atopala a Concellería de Educación aposta polo talento dos nenos e nenas de Lugo, con este concurso,  no que poden desenvolver as súas capacidades máis artísticas e creativas achegándoos á música dun xeito lúdico.

No concurso poderán participar rapaces e rapazas dos centros educativos de Lugo, dende os 4 aos 12 anos, con traballos de técnica libre, presentando o número de obras que consideren oportunas, coa condición de que sexan orixinais. Nesta liña, poderase presentar o alumnado da Escola Municipal de Música, sempre e cando non formen parte do xurado. 

Trátase de deseñar a portada do disco. Os deseños serán principalmente gráficos no que non se incluirá texto, nun formato DIN A4 que deberán entregarse sen enmarcar en calquera tipo de papel soporte, dun xeito anónimo, con lema e acompañado dun sobre cos datos da persoa participante. Os interesados e interesadas en concursar poden presentar os seus traballos por correo ou persoalmente na Escola Municipal ata o 31 de maio.

Premios e xurado
No certame establécense dous premios, un para o alumnado dos centros educativos e outro para o alumnado da Escola Municipal de Música, ambos galardóns valorados en 220 euros en material musical. Os deseños que resulten gañadores figurarán ou ben na portada do CD ou na galleta do disco. 

O resto de obras non premiadas devolveránselles ás e ós participantes que o soliciten e poderase dispoñer dunha selección de traballos para a realización dunha exposición. 

O xurado do certame estará formado por persoas cualificadas na materia, representantes do profesorado e representantes do alumnado.