Concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2019

En busca de deseños para os carteis anunciadores do San Froilán 2019 e do San Froilán Miúdo
As persoas interesadas poden presentar as súas creacións ata o xoves, 23 de maio na área de cultura
As obras presentadas do San Froilán serán exhibidas nas redes sociais oficiais destes festexos, onde se farán unha votación popular da que se seleccionarán as obras que se someterán a votación do xurado

Maio 2019 O Concello convoca un ano máis o concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2019, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poden concorrer cantas autores e autoras o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada persoa cantas obras considere oportunas, sempre orixinais.

Os deseños contribuirán a enxalzar Lugo e as súas festas patronais. Ademais, deberán conter, de xeito obrigatorio, o seguinte: Lugo, San Froilán 2019; 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais existentes destas festas: Instagram, Twitter, Facebook e Youtube. Os carteis deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminal que podia inducir ao consumo de alcol ou calquera outro tipo de drogas.

Os traballos presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, sita na praza Maior, 1, 27001 Lugo, ata o xoves, 23 de maio, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50 x 70 cm e con 72 ppp de resolución (1.417 x 1.984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria, e pódese facer persoalmente ou por correo postal. Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2019. Así mesmo, se algunha persoa participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50 x 70 cm. As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do San Froilán, onde se farán unha votación popular da que se seleccionarán as obras que se someterán a votación do xurado. Unha vez realizada a votación popular on-line seleccionanranse o seguinte número de carteis: se o número de carteis presentados non supera os 50, seleccionaránse os 10 máis votados e se o número de carteis supera os 50, seleccionaranse 10 e a maiores o 10% dos numero total de carteis presentados.

Esta votación popular levarase a cabo on-line. O prazo para a votación estará aberto desde as 12:00 horas do 27 de maio ata as 12:00 horas do 31 de maio. Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través da web, das redes sociais oficiais do San Froilán e da páxina web do Concello de Lugo www.lugo.gal

O Concello de Lugo seleccionará un xurado cualificado, que será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros, o día 5 de xuño, ás 11:00 horas no Concello. 

San Froilán Miúdo

No que se refire ao San Froilán Miúdo, as obras deben incluír o seguinte texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2019. Os cativos e cativas, menores de 15 anos, que queiran presentar as súas creacións deberán entregar a súa obra tamén na área de cultura. Do mesmo xeito serán presentados de xeito anónimo, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido. O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros. O prazo de inscrición tamén rematará o 23 de maio, ás 14:30 horas.

 

+ info e bases orixinais