Maio 2018 Este concurso de fotografía, promovido pola plataforma cidadá Lugonovo tenta poñer de manifesto as desfeitas máis salientables no concello de Lugo e quedará rexido polas seguintes

BASES

1.- Participantes

Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe maior de 16 anos, sempre que as obras presentadas cumpran co especificado nas presentes bases.

2.- Temática

As imaxes deberán ilustrar calquera tipo de desfeita no espazo público ou que afecte á cidadanía de Lugo: desfeitas nos edificios, no patrimonio cultural e natural, na paisaxe, no mobiliario urbano, de mantemento dos bens ou do espazo público, lixo na rúa… E calquera outra semellante, tanto no eido urbano coma no rural, dentro do concello de Lugo.

3.- Imaxes

Cada concursante poderá presentar un máximo de 5 imaxes orixinais e que non foran presentadas ou premiadas noutros concursos.
As imaxes presentaranse en arquivo dixital .jpg cunha resolución que permita a súa posterior impresión en papel A4 e exposición.
– As imaxes poderán ser en en branco e negro ou cor.

4.- Envío das imaxes

As imaxes enviaranse ao seguinte correo electrónico: vexovexo.lugonovo@gmail.com.
Os datos de autoría, lugar e circunstancias de todas as imaxes, así como un texto explicativo e/ou título virán nun arquivo de texto en formato pdf, diferenciando de xeito claro cada unha delas, no caso de seren varias.
As imaxes virán, cada unha delas, en arquivo adxunto, puidendo estar este comprimido nun formato que non rebaixe a calidade da imaxe unha vez descomprimida.

5.- Datas

As imaxes enviaranse entre o 3 de maio e o 3 de xuño, ambos incluídos. Non serán admitidas no concurso as imaxes remitidas antes ou despois destas datas (servirá como xustificante a data de recepción do correo electrónico correspondente).

6.- Xurado

O xurado designarase pola plataforma cidadá Lugonovo, entre profesionais e/ou artistas competentes na arte fotográfica ou urbanística. O xurado terá a facultade de resolver calquera dúbida que poida xurdir na interpretación das presentes bases.
O fallo do xurado farase público o 15 de xuño de 2018 e será inapelable. En ningún caso poderá declararse o concurso deserto.

7.- Premios

Haberá dous premios consistentes nunha fotografía de Miguel Fraga e o libro “Arquitecturas Debuxadas” de Santiago Catalán. Ambos os dous premios incluirán unha copia impresa e enmarcada da imaxe premiada.

Un dos premios recoñecerá á imaxe cun contido máis salientable ou relevante.

O outro premio valorará a máis artística.

Os premios entregaranse no lugar e data que se decida e será obrigatoria a presenza dos autores premiados.

8.- Varios

A propiedade intelectual das imaxes será das persoas autoras. A plataforma cidadá Lugonovo quedará cos dereitos de uso das dúas imaxes premiadas e poderá usalas en soporte físico ou informático citando a autoría.
Unha vez rematado o concurso farase unha exposición pública (no lugar e data que se decida) das obras premiadas e das máis salientables, a xuízo do xurado. Esta exposición seleccionará a tal efecto un máximo de 50 fotografías.

A participación neste concurso implica a aceptación expresa das presentes bases.