MAR 2018  A relación entre cine, televisión e cultura centra a temática da décimo terceira edición do Curso de Primavera da USC, un foro de debate e divulgación coordinado nesta edición por Mario Sanfiz e que se desenvolverá do 3 ao 6 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo.

O programa desta nova entrega do Curso de Primavera da USC, unha actividade programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se alimenta das achegas económicas que recibe da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, contará coa participación de máis dunha ducia de relatores, na súa maioría profesores universitarios, pero tamén investigadores, escritores, produtores cinematográficos e mesmo actores e actrices.

O profesor de Comunicación e Xornalismo Especializado da USC e director da revista Tempos Novos, Luis Álvarez Pousa, abrirá o 3 de abril a quenda de intervencións da primeira xornada do curso, que xirará arredor do cine e a literatura. Televisión e cultura serán os temas sobre os que versarán os relatores programados o mércores 4 de abril no marco do XIII Curso de Primavera da USC, un foro no que distintos especialistas tamén afondarán sobre as ligazóns e interaccións entre cine, cultura e memoria, ao tempo que realizarán unha análise sobre a situación e a evolución do cine e televisión en Galicia.

As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición neste curso, estruturado en relatorios, pero que tamén inclúe sesións de cinefórum, recitais literarios, proxeccións e mesmo coloquios con directores, produtores e actores de cine, teatro e televisión, poderán tramitar a súa matrícula ata o 2 de abril nas oficinas da Área de Cultura da USC no campus de Lugo, localizadas no edificio de Vicerreitorías de Lugo. 

 As taxas de matrícula son de 10 euros para o público en xeral e a metade para membros da comunidade universitaria. Pódese obter máis información a través do número de teléfono 982 821513 o no enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es. 

PROGRAMA

primaveraUSC2