DEC 2017 A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a décimo segunda edición do mercadiño solidario Diversiarte, que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez este mércores, xoves e venres, 13, 14 e 15 de decembro, de 11:00 a 15:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

No mercado, as persoas visitantes poderán obter información así como comprar distintos obxectos realizados polas asociacións ASORLU, ONCE, DOWN Lugo, COGAMIA, ALUSOR, Feafes Galicia, FADEMGA Plena Inclusión, Bonhomía Asociación, Asociación Española do Síndroma de Wolf-Hirschhman, Adace Lugo, Asociación Galega de Lupus, ASPACE Lugo, ADIL, Alucem, Capaces, Alume, Bule  Bule, ANADE, Auxilia, Raiolas Lugo, Alccer Lugo, Asociación Parkinson Lugo, AFALU, AECC e ASPNAIS.

A maiores, Diversiarte inclúe programación cultural. En concreto, o mércores, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, terá lugar o taller Coñecendo a linguaxe de signos, a cargo de ASORLU, en colaboración con la FAXPG, e de 17:00 a 20:00 horas, de decoración de galletas navideñas, por Raiolas. O xoves, de 17:00 a 18:00 horas, ONCE ofrecerá un taller de braille e novas tecnoloxías, que tamén se repetirá á mesma hora o venres. Ese mesmo día, a partir das 18:00 horas, Capaces ofrecerá un contacontos, e a AECC porá en marcha o carrito Don Amable.

Pola súa banda, a Fundación ANADE levará estes mesmos tres días unha exposición ao Edificio de Novas Tecnoloxías, así como exhibirá tres películas, o xoves e venres, de 11:00 a 13:00 horas. O xoves, ás 12:00 horas terá lugar a lectura de contos en Diversiarte e o venres, ás 18:30 horas, unha representación teatral.

Coincidindo con Diversiarte, COGAMI realizará unha actividade sorpresa o vernes 15, a partir das 16:30 horas no Museo Provincial de Lugo.

Diversiarte é unha iniciativa organizada polo Concello de Lugo en colaboración con 26 asociacións do municipio, co obxectivo de facer máis visible o traballo que realizan estas entidades. Ao acto de presentación tamén asistiu Baris Vila, presidente de ASORLU, un dos colectivos que elaborou este ano a programación de Diversiarte, así como representantes das diferentes asociacións participantes neste mercado.

No acto, González Abelleira definiu a Diversiarte como unha «actividade necesaria», que se leva facendo dende 2005 coa intención de visibilizar o labor que realizan as entidades sociais, que traballan 365 días do ano en diversos eidos da discapacidade ou con distintas doenzas. Ademais supón unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area a ditos colectivos grazas a este mercado, onde se poderá atopar información das distintas entidades así como distintos produtos elaborados nas súas asociacións. «Lugo é unha cidade solidaria e traballa en prol da discapacidade e da accesibilidade universal», aseverou a edil, quen convidou a todos os lugueses e luguesas a participar nesta iniciativa.

Pola súa banda, Brais Vila agradeceu ao Concello e ás entidades a celebración, un ano máis, de Diversiarte, que supón «unha forma distinta para que a sociedade nos vexa, para amosar que todos unidos somos máis fortes». 

Pola súa banda, o creador da imaxe de Diversiarte deste ano explicou o cartel anunciador, que reflexa a Muralla de Lugo, unha man, pola cognotación que representa pola linguaxe de signos para ASORLU, e os símbolos de distintas diversidades.

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES