Día Internacional da Muller Lugo
Día Internacional da Muller Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, presentou este luns, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as actividades que programou o Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra este xoves. A programación inclúe entregas de premios, a lectura dun manifesto, conferencias, música, representacións teatrais, unha andaina e unha carreira, entre outras 

As actividades arrincarán ás 11:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, coa entrega dos premios Entre Mulleres, que vai dirixido aos colectivos feministas de Lugo. Posteriormente, ás 11:30 horas, terá lugar, diante da Casa Consistorial, a inauguración do proxecto Recuerda, levado a cabo por Bonhomía Asociación en colaboración coa entidade local, e que en días posteriores realizará un pecorrido por diferentes espazos da cidade. Unha vez feita á inauguración, porcederase á lectura dun manifesto, un texto común tratado no Foro de Igualdade. 

Xa en xornada de tarde, no Vello Cárcere entregaranse os premios Son Muller, unhos galardóns organizados pola Asociación de Empresarias da provincia de Lugo, coa colaboración do Concello e a Deputación de Lugo, co obxecto de poñer en valor o traballo das empresarias luguesas. 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

No acto, González Abelleira, quen puxo en valor o éxito da folga nacional celebrada onte en Vigo, convidou á sociedade a participar nesta programación coa que se tenta visibilizar ás mulleres invisibilizadas e co que se pretende continuar loitando pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. 

O venres 9 de marzo, o centro cultural do Vello Cárcere acollerá, ás 20:30 horas, a conferencia O sexto sentido, as matemáticas, impartida por Elena Vázquez, enmarcada na programación de Achegando a ciencia ao Vello Cárcere. Por mor da expectación que espertaron as dúas charlas anteriores, prevese habilitar tanto o auditorio como o patio do Vello Cárcere para esta conferencia que tratará o papel da muller na ciencia.  

Para o sábado 10 está previsto un concerto, no patio do Vello Cárcere. Será a cargo de Viviane, cantante de orixe francesa. Arrincará ás 20:30 horas. A entrada para esta actuación, enmarcada dentro de Música mesturadas, é de balde ata completar cabida.

 

Para rematar a fin de semana, o domingo 11, como vén sendo habitual, celebrarase a XV Marcha pola Igualdade, con saída ás 12:00 horas da Praza Maior e con recorrido polo adarve da Muralla. A partir das 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere, proxectarase o documental Cambia de papel, elaborado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. A longametraxe está dirixida e producida por María Reimóndez, fundadora do colectivo, o actor Luis Tosar e a escritora Kutti Revathi. É un documental duns 35 mintuos, no que se contan 11 historias en primeira persoa, no que ademais do propio Tosar e Reimóndez, participan 9 mulleres indias. 

Ademais destas actividades, o xoves día 5 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, terá lugar a representación da obra 5 mulleres que comen tortilla, a cargo da compañía Señora Supina. A entrada custa 3 euros e pode mercarse a través de www.entradaslugo.es ou unha hora antes da función no propio auditorio. Esta obra é unha comedia delirante e enxeñosa. A liberdade, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional.

Entre as actividades para conmemorar o Día da Muller, o Concello tamén ten preparada unha proba deportiva, dentro do Circuíto Larsa Corre con Nós, que se converterá no Corre con Elas o 15 de abril, ás 12:00 horas, polo paseo de Ombreiro. Tamén, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando, levarase a cabo un programa de fomento de igualdade.

Continúan tamén os Faladoiros Feministas, unha iniciativa do Concello, a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, os días 6 de abril e 25 de maio, no Vello Cárcere a partir das 20:00 horas. 

No transcurso do mes de abril, levarase a cabo a inauguración do espazo de visibiliación permanente da historia das mulleres e de acceso público á cidadanía, Elas, no Vello Cárcere.