A Xornada de Literatura Oral terá lugar o 27 de outubro no Salón de actos da Deputación e está dedicada a analizar rol da muller na literatura oral. A inscrición é gratuíta

OUTUBRO 2018 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, asinou esta mañá no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que permitirá investir 25.000 euros na organización de actividades literarias na provincia, entre as que destaca a XI Xornada de Literatura de Tradición Oral No acto estivo acompañado polo Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polos escritores Antonio Reigosa e Lois Pérez, membros da asociación.

Campos Conde destacou o apoio que o Executivo provincial presta á asociación de escritores e, en particular, ás xornadas de literatura oral, que financia desde o seu inicio no ano 2008, “e que converteron Lugo nun referente galego da literatura de transmisión oral. Somos a capital da literatura oral, tanto polas iniciativas que aquí se desenvolven como pola gran riqueza do noso patrimonio”. Programación da xornada

A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral que financia a Deputación terá lugar no pazo de San Marcos, o 27 de outubro, coa participación de seis investigadoras e creadoras que revisarán desde unha perspectiva crítica o rol da muller nos diversos xéneros da literatura oral. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través da web da AELG.

A xornada arrinca ás 10.30 horas cunha conferencia de Camiño Noia sobre o papel da muller nos contos. A continuación, ás 11.30 h, a avogada Estefanía Lodeiro abordará a violencia de xénero a través do refraneiro popular. E a sesión rematará cunha mesa redonda das dúas investigadoras baixo o título “a muller imaxinada como pardigma da muller de carne e óso”.

Pola tarde, ás 16:00 horas, a escritora Anxos Sumai tratará da demonización da muller sabia coa conferencia “meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina”, e ás 17.00 horas, Faia Díaz Novo falará da visión da sociedade que transmitiron a través do cancioneiro as mulleres vinculadas ao traballo no wolframio. A sesión rematará cunha nova mesa redonda e posteriormente, un recital de regueifas a cargo de Alba maría e Lupe Blanco pechará as xornadas