Festa do Samaín en Lugo cunha merenda terrorífica, visitas guiadas, obradoiros, xogos, música e o Desile de Ánimas pola Muralla

Outubro 2018 As actividades que ten preparadas o Concello dentro da programación para festexar o Samaín son as seguintes:

Mércores, 31 de outubro

«Unha merenda de morte». Trátase dun obradoiro para elaborar unha merenda terrorífica nun antigo cemitero romano, no centro arqueolóxico de San Roque. Deste xeito, haberá un taller de doces propios desta época e unha visita guiada a esta necrópole. O Concello recomenda acudir disfrazados a esta actividade.

Dado que o espazo deste centro municipal é reducido, o número de persoas participantes limítase a 20 persoas por quenda, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, 11, ou a través do teléfono 982251658. O Concello estipulou 4 quendas: unha ás 18:00 horas, 18:45 horas, 19:30 horas e 20:15 horas.

Para os días 1, 2, 3 e 4 de novembro, a entidade local preparou distintas visitas guiadas pola cidade, con saída ás 12:30 horas da Oficina Municipal de Turismo, onde é preciso inscribirse para participar nas rutas Déixate guiar, Vive Lugo.

Sábado, 3 de novembro

Dende as 17:30 ás 22:30 horas, haberá obradoiros de cabazas, recortables e pintacaras e diversos xogos na Praza da Soidade. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao Mercado Municipal. Para rematar a xornada, haberá un Desfile de Ánimas polo adarve da Muralla, dende as 21:30 horas. Nel participarán catro asociacións de recreación histórica do municipio: Lugdunum, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Clan de Breogán.

Domingo día 4

13:00 horas, no Vello Cárcere:  concerto de Kimuru. A entrada é libre ata completar cabida.