Nova programación de animación sociocultural en Lugo con máis de 2.400 prazas en 130 obradoiros

SETEMBRO 2018 A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira,  a nova programación de animación sociocultural, dirixida tanto a persoas adultas como a nenos e nenas, que o Concello organiza a partir de novembro. O Goberno ofrece máis de 2.400 prazas para participar nuns 130 obradoiros, que se desenvolverán dende o 5 de novembro ao 31 de maio nos sete centros de convivencia municipais. O 40% das prazas resérvanse para persoas con diversidade funcional e/ou outros colectivos vulnerables.

Concretamente, no centro de convivencia de Fingoi, o Concello ten 27 actividades e 440 prazas, en Lamas de Prado, 17 obradoiros e 304 prazas; en María Balteira, 11 actividades e 224 prazas, en Maruja Mallo, 26 obradoiros e 512 prazas, na Milagrosa, 21 alternativas con 344 prazas, no Sagrado Corazón, 3 con 45 prazas e no Uxío Novoneyra, 22 con 380 prazas.

Durante a presentación, Abelleira fixo fincapé en que “un ano máis, facemos unha aposta decidida polo que entendemos como un instrumento de cohesión cidadá a través dunh ampla oferta de actividades, que impulsa as relacións entre a veciñanza e as xeracións”. Así mesmo enxalzou tanto a boa acollida como participación nesta iniciativa, amplamente consolidada no municipio.
A programación de animación sociocultural, que contempla obradoiros de contido social, formación e cultura, expresión teatral, artístico-manual e actividades psicofísicas, tamén inclúe un club de lectura, pesca, pintura e calceta; ademais de aulas abertas. Os centros de dinamización do rural, situados en Santa María de Bóveda, San Xoán do Campo, Santa Comba, Calde, Sáa, Rubás e Coeses tamén teñen o seu programa de actividades.

As datas de inscrición e os prazos


Todas as persoas interesadas en participar nalgún dos obradorios poden inscribirse entre luns e venres da vindeira semana, do 17 ao 21 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no propio centro de convivencia no que desexen paracticar algunha das actividades propostas polo Goberno. O sorteo de prazas terá lugar o 3 de outubro, ás 11:00 horas. Posteriormente, publicarase a lista de admitidos e admitidas e abrirase o período de pagamento de cota, dende o 3 ao 15 de outubro. As listas definitivas publicarase o 23 de outubro. O período de inscrición para as aulas abertas e os cursos de castelán para persoas estranxeiras será o 12 e 13 de novembro e do 19 ao 23 de novembro, respectivamente.
O custe das actividades vai dende obradoiros gratuítos ata unha cota duns 20 euros anuais.
Máis información na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.