Un ano do Vello Cárcere como espazo libre para a cidadanía

Maio 2018 

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este martes os actos institucionais, organizados polo Concello, para celebrar o primeiro aniversario do Vello Cárcere como centro sociocultural. Os actos, aos que tamén asisitiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, así como as edís de Economía e Benestar Social, Ana Prieto e Ana Abelleira, respectivamente; e o Vicepresidente da Deputación, Argelio Queipo; arrincaron na entrada principal do Vello Cárcere, co descubrimento dunha placa e dun cadro na honra a Nemesio Cobreros, arquitecto encargado de deseñar este edificio modelo.

Na inauguración do acto, a rexedora celebrou un ano da liberación do Vello Cárcere de Lugo e puxo en valor a memoria deste lugar, que non ten outro obxectivo que facer un recoñemento a este espazo, que foi capaz de pasar do oscurantismo da represión franquista e coerción carcelaria á liberdade de expresión, transformando a humillación que se levaba a cabo aquí neste patio, a un panóptico aberto á creatividade e orixinalidade.

E neste ano o Vello Cárcere ratificou a súa condición de espazo libre para a cidadanía. Exposicións, presentacións de libros, concertos, teatro, ciclos de cine, obradoiros, é dicir, un sinfín de máis de 250 actividades distintas, coparon a vocación cultural e social deste centro, pola que pasaron unhas 100.000 persoas. Convertiuse, polo tanto, nun referente social, cultural, de interacción e con conciencia social; moi solicitado, tal e como o definiu a rexedora.

Méndez reivindicou que non caia no esquecemento a forte carga histórica e sentimental deste lugar, “pois soamente así supliremos a débeda que Lugo tiña coas persoas que padeceron a represión e sufriron detrás portas deste patio no que nos atopamos”, colocando ao Vello Cárcere como lugar de memorias, onde construir e reflexionar abertamente, que é a verdadeira esencia deste edificio que se sitúa no corazón da cidade.

Posteriormente, e xa nun patio central ateigado, tivo lugar un encontro co escritor Lorenzo Silva e o neto de Cobreros, José Antonio Cobreros Aranguren; que interviron sobre o libro de Silva, Recordarán tu nombre, que fai memoria ao ferrolá José Aranguren, fusilado por manterse fiel á República durante a Guerra Civil. Carmen Basadre foi a encargada da presentación dos poñentes, aos que agradeceu a súa colaboración para poder celebrar esta xornada de recoñecementos, falar de lembranzas e sacar á luz importantes persoeiros para Lugo.