XAN 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este xoves no Edificio de Novas Tecnoloxías a programación da Mostra de Teatro Clásico, que na súa 18ª edición volve a ofrecer un cartel de luxo con seis obras e dous monólogos.

Entradas
Bonos: Na Oficina de Turismo, praza do Campo, núm. 11, no seu horario de apertura habitual, ou a través do portal web entradaslugo.es ata o 30 de xaneiro. Tfno. de contacto da Oficina de Turismo: 982 251 658
Entradas: a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.
* desconto do 20 % para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á AAAG. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.

Arrancará o 1 de febreiro con La Comedia de las Mentiras, que no seu elenco conta con Pepón Nieto e María Barranco, e continuará ata o 3 de marzo. Todas as obras comezarán ás 20:30

1 de febreiro, no auditorio Gustavo Freire: La Comedia de las Mentiras, de Pep Antón Gómez e Sergi Pompermayer, a cargo de Mixtolobo e Pentación Espectáculos

Intérpretes: Pepón Nieto, María Barranco, Paco Tous, Canco Rodríguez, Angy Fernández, Raúl Jiménez, Marta Guerras.

Atenas. Dous irmáns: Hipólita e Leónidas. Ela quere casar con Tíndaro. El con Ximnasia. Pero o pai, un avaro recalcitrante, impídeo con todas as súas forzas. E coa axuda de Cántara, a tía solteirona.
Solución? Recorrer a Calídoro, criado e escravo na vida. Ah! E mestre no mentir. Porque, non nos enganemos, se a ninguén lle amarga un doce, moito menos unha mentira. Se é para ben, claro.

4 de febreiro, no Gustavo Freire: La Judía de Toledo, de Lope de Vega, coa Compañía Nacional de Teatro Clásico en coprodución con Micomicón Teatro e A Priori Gestión Cultural

Dirección: Laila Ripoll.
Intérpretes: Manuel Agredano, Federico Aguado, Elisabet Altube, Teresa Espejo, Marcos León, Mariano Llorente, Jorge Varandela, Ana Varela.

Que canalla é Lope de Vega! Primeiro namóranos, paso a paso, lentamente, e despois golpéanos violentamente. La Judía de Toledo é un drama político onde os homes de poder compórtanse de maneira recoñecible en moitas actitudes que podemos ver hoxe. E iso interésanos. E iso prodúcenos inquedanza. Este texto encerra moitas preguntas que á compañía lle gustaría que quedaran no ambiente cando o espectador saia do teatro.Hai neste texto espléndido un espectáculo cheo de lecturas complexas, momentos desconcertantes, deslumbrantes de beleza, inquietantes.
Lope en estado puro. O mellor Lope. O Lope que amamos, o que sempre reclama un lugar nos escenarios.

 15 de febreiro, no Gustavo Freire: Helena: Xuízo a unha Lurpia (monólogo), de Miguel del Arco, con Teatro do Atlántico

Dirección: Xulio Lago.
Intérpretes: María Barcala
* Coloquio co público unha vez rematada a función

Neste espazo no que a nosa memoria se convirte en inmortal, atopámonos con Helena de Troia, “a fermosa Helena”, a filla de Zeus e Leda, a muller de Menelao, a amante de Paris.
Estamos no século XXI, Helena xa non é “a fermosa Helena”, senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo. Aínda así, mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa dor da muller obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris co desafío e o rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía arredor de moitos dos seus contemporáneos: Aquiles, Ulises… coa impotencia diante da crueldade da guerra…

17 de febreiro, no patio do Vello Cárcere: A Noiva de Don Quixote (monólogo), de José Lus Esteban, con Emedous

Dirección: José Carlos García
Intérpretes: Mercedes Castro.

* Coloquio co público unha vez rematada a función.

Despois da morte de don Quixote, as esperanzas de Dulcinea del Toboso de casar como Deus manda están case tan desaparecidas coma o fidalgo. E máis se en realidade te chamas Aldonza Lorenzo, non es dama, nova nin fermosa, e traballas de camareira nun mesón cervantino, preto da autovía, nalgún lugar da Mancha.
Dulcinea disponse a atravesar o seu particular dó, no que se rebela contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela. Con humor, con ironía, con emoción e descrenza, desvélanos algúns insospeitados acontecementos que non aparecen no Quixote, en especial a misteriosa historia de amor entre unha pastora que lles fala baixiño ás ovellas e un fidalgo que le novelas de cabalerías.
Pero tal vez o principal misterio sexa a verdadeira identidade que se esconde detrás da propia Aldonza…

18 de febreiro, no Gustavo Freire: Cervantina, versión e direccións sobre textos de Cervantes, a cargo da Compañía Nacional de Teatro Clásico en coproducción con Ron Lalá

Dirección: Yayo Cáceres
Intérpretes: Juan Cañas, Íñigo Echevarría, Daniel Rovalher, Miguel Magdalena, Álvaro Tato.

Cervantina é a nova aproximación de Ron Lalá, en coprodución coa Compañía Nacional de Teatro Clásico ao universo do maior autor das nosas letras. Unha festa de pezas breves que reúne sobre o escenario as adaptacións «ronlaleiras» de diversas Novelas Ejemplares entrelazadas coas escenas máis cómicas dos Entremeses, fragmentos das novelas exemplares incluídas no Quijote ademais de pezas menos coñecidas coma Persiles, Galatea, Viaje del Parnaso…
Unha celebración do mellor Cervantes, eterno e próximo, co sabor do inconfundible selo de Ron Lalá. Despois do rotundo éxito internacional de En un lugar del Quijote, a compañía dá un paso máis na súa exploración do mundo literario cervantino a través das ferramentas da súa linguaxe escénica: o humor, a poesía, o ritmo desenfreado, a música en directo… Un diálogo aberto e sen complexos para contaxiarlles aos espectadores a risa intelixente, sensible e fonda de Miguel de Cervantes.

24 de febreiro, no Gustavo Freire: El Rufián Dichoso, de Cervantes, con Producciones Teatrales Siglo de Oro, Pentación Espectáculos e Pánico Escénico Producciones

Dirección: Rodrigo Arribas e Verónica Clausich.
Adaptación: Jose Padilla
Intérpretes: Javier Collado, Montse Díez, Pablo Vázquez, Alejandra Mayo, Julio Hidalgo, Raquel Nogueira, Nicolás Illoro, José Juan Sevilla, Raúl Pulido.

El Rufián Dichoso conta a historia da conversión dun home pertencente á delincuencia sevillana, Cristóbal de Lugo, criado do inquisidor Tello de Sandoval. Baixo a protección do seu amo, Lugo ten liberdade para actuar ao seu antollo nos chanzos máis baixos da sociedade hispalense, sen mostras de arrepentimento.
Tras unha elipse temporal, Lugo aparece convertido en Frei Cristóbal de la Cruz. Este cambio repentino explícase a través da intervención das personaxes alegóricas da curiosidade e a comedia, quen na súa conversación explican o cambio que Lugo sufriu ao trasladarse a México co seu amo ata chegar a converterse no home santo que agora é.
Unha vez en México, Cristóbal de la Cruz coñece a Ana de Treviño, unha muller que rexeita confesarse no seu leito de morte xa que foi tentada por diversos demos. Fray Cristóbal de la Cruz axuda a que Ana de Treviño se convirta e se salve, conseguindo así el mesmo a santidade e ascender aos ceos aplaudido polos cristiáns.

2 de marzo, no Gustavo Freire: O Servidor de dous Amos, a partir do texto de Carlo Goldoni, con Talía Teatro

Dirección: Diego Rey
Intérpretes: Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Dani Trillo.

Talía teatro presenta unha revisión do clásico Il servitori di due padroni, un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade. No noso atrevemento non facemos outra cousa que intentar respectar o verdadeiro espírito da Commedia dell’Arte, do teatro renacentista italiano: a procura da innovación polo uso de todas as novidades escénicas posibles, a persecución do «espectáculo total», unha obra que sexa capaz de deixar abraiado a todo o público presente.
Así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz como divertido.
Oito intérpretes desenvolverán en escena un espectáculo de gran formato onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do espectador, onde riremos de todo e de todos, ata de nós mesmos.

3 de marzo, no Gustavo Freire: Eco y Narciso, de Calderón de la Barca, con Miseria y Hambre Producciones

Dirección: David Martínez

Intérpretes: Lara Grube, Manuel Moya, Ana Vélez, Jorge Kent, Héctor Carballo, Jaime Soler Huete, María Besant.
Viola da gamba: Alba Fresno.

 

Eco y Narciso é a historia dun amor inalcanzable. Mitos que se confunden no reflexo do seu namorado, que esgotan o intento de recoñecerse na persoa amada e que rematan transformados en flor ou desaparecendo no aire.

A historia transcorre na Arcadia, lugar protexido polos deuses, mergullado nunha primavera eterna onde cada individuo representa o seu rol con vaidade, convivindo cunha aparencia allea á realidade, creadora de espellismos e de comportamentos adulterados. Coma se foran instagramers dos nosos días, as personaxes da Arcadia proxectan a súa imaxe idealizada sendo ás veces contraria respecto á esencia mesma do seu ser. Será tan distinto o que plasmou Calderón en Eco y Narciso ao que vemos nas pantallas dos nosos móbiles?
Nesta comedia mitolóxica, Calderón reescribiu o mito de Ovidio dunha maneira delicada. Tan sinxela e fermosa e, á súa vez, capaz de encerrar unha reflexión que trascende no tempo sobre o que somos e o que reflectimos ser. Unha obra festiva, alegre, unha caixa de música chea de brillo que mostra cómo a aparencia oculta a verdadeira esencia.

A maiores, terá lugar un encontro con Rodrigo Arribas, director da obra El Rufián Dichoso, o 23 de febreiro no auditorio do Vello Cárcere, e dúas intervencións na rúa, ao fondo da Praza Maior, ás 12:00 horas, a cargo de Espazo Artístico 10 e Os Palimoquiños. Interpretarán Quen ocupa esa cadeira? Atopémonos con Shakespeare.

O prezo das entradas é de 10 euros na zona A e de 8 na zona B, cun desconto do 20% no caso de persoas no paro, menores de 30 anos, pensionistas e integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Para as seis representacións principais ofrécese un bono de 35. En canto aos dous monólogos, terán un prezo único de 5€ e non entran nos bonos.

As entradas poderán adquirirse a través do portal web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo ata tres horas antes do comezo de cada función, e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo. Polo que respecta aos bonos, poden comprarse na Oficina de Turismo ou a través de www.entradaslugo.es ata o 30 de xaneiro.