XAN 2018 A Concellaría de Cultura, en colaboración con Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) e do programa Apego para o fomento da lingua galega entre os pequenos e pequeñas, organiza por primeira vez a Programación de Circo e Teatro para Público Familiar co fin de crear “un espazo de lecer onde poidan gozar os nenos e nenas cos seus pais e nais”. Haberá cinco actuacións os segundos domingos de cada mes ata xuño, excepto o de febreiro, por coincidir co Entroido

O importe das entradas é de 5€ para os adultos e de 2,5€ para os nenos e nenas. Venderanse a través da web entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no auditorio, desde unha hora e media antes das actuacións.
Programación:
14 de xaneiro ás 18:30: Outono, a cargo de Pistacatro

11 de marzo ás 18:30: A Danza da Choiva
Compañía: Elefante Elegante
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire
Duración: 50 minutos
Teatro Xestual, con Danza, Manipulación de obxectos e Monicreques
Adecuado a público infantil de entre 3 e 8 anos.
A Danza da Choiva gañou o Premio María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil
Chove. A auga da choiva é recollida en recipientes de metal espallados polo espazo. Escóitase un galo cantar. Chegan dous personaxes. Recollen verduras da horta e sementan cereais. Espantan un bando de paxaros que tenta comer as sementes que acaban de botar á terra e chantan un espantallo na horta para protexer o cultivo. Ao regar, decátanse de que non lles queda auga. Agardan que chova, pero non chove… O tempo pasa e segue sen chover. O lugar está agora seco e deserto. Bailan unha DANZA DA CHOIVA coa esperanza de facer chover. Choverá?
8 de abril ás 18:30: El Apartamento
Compañía: Cirk About It
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire
Duración: 50 minutos
Recomendado para nenos maiores de 5 anos
Cirk About It presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar cómo a rutina pode romperse con facilidade, simplemente engadindo unhas pinguiñas do mellor circo. El apartamento é un espectáculo fundamentado principalmente nos equilibrios e saltos acrobáticos, con pinceladas de humor, que mostra un traballo corporal moi visual, que atraerá a todos os públicos.
13 de maio ás 18:30: BBcircus
Compañía: Asacocirco
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire
Duración: 50 minutos
Idades recomendadas de 0 a 6 anos.
Asacocirco chega cunha aposta diferente no panorama de espectáculos dirixidos ao público infantil. Unha aposta teatral baseada nas artes circenses e presentada agarimosamente aos máis pequenos. Moitos estímulos cunha linguaxe simple, outro sentido do ritmo e tempo con música ao vivo e moitas sorpresas.
A proposta parte dunha escenografía onde se mesturan a natureza con cores moi vivas. E coa luz negra de repente todo cambia a outra ambientación onírica onde se destacan elementos novos e sorprendentes. É un espectáculo dirixido ao público familiar onde os pais e os máis adultos quedarán tamén encantados.
10 de xuño ás 18:30: O Secuestro da Bibliotecaria
Compañía: Sarabela Teatro
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire
Duración: 55 minutos
Teatro xestual.
Recomendado para público de entre 5 e 12 anos.
A señorita Ernestina é a fermosa bibliotecaria da vila de Parangón. Aínda que é orfa e non ten familiares ricos, os bandidos desta peza decidiron secuestrala. Pretenden xerar un caos cultural que obrigue ás autoridades a pagar polo rescate da bibliotecaria.
Así e todo as intencións desta banda tomarán un novo camiño ao descubrir que a señorita Ernestina os contaxiou co virus da varicela. A poucas persoas lles acaen ben os grans na cara pero para uns ladróns resulta desastroso. Tomaría vostede en serio un ladrón con graíños? Pois non, parece ser a resposta máis obvia; así que os ladróns deben atopar unha solución para o seu problema, pero non teñen nin idea de onde buscala.
Por se todo isto fora pouco, un tremor de terra vén complicalo todo.