
- Este evento ha pasado.
Feira do Libro – Olga Novo presenta o seu poemario «Cráter»
17 de mayo - 12:30

Feira do Libro – Olga Novo presenta o seu poemario «Cráter»
O martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, a poeta Olga Novo presentará ás 12:30 horas na Feira do Libro de Lugo (Praza Maior) a nova edición revisada e ampliada do
seu poemario «Cráter», publicado por KALANDRAKA na colección Tambo.
A autora estará acompañada no acto polo director da devandita colección, Luís Rei Núñez, e pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora Carme Blanco.
En «Cráter» comparece o canto xeral das xentes que poboaban un mundo en extinción nunha voz que chega desde o belvís da memoria, así como a fera tenrura, ou a tenra fereza, da unión libre no entusiasmo carnal. Nela, os poemas non son formas pechadas, senón suxestións caudalosas discorrendo coa liberdade imprevisible dun corazón que se expresa de fóra cara a dentro.
Poeta, filóloga e profesora de Ensino Secundario, Olga Novo exerceu a docencia nas
Universidades de Rennes e de Lorient, na Alta e na Baixa Bretaña. As súas obras foron
distinguidas con numerosos galardóns, como o Premio Losada Diéguez, o Premio Nacional
de Poesía, o Premio da Crítica, o Premio Gala do Libro Galego e o Premio de Investigación
Ánxel Fole, entre outros.
Este poemario de Olga Novo súmase aos quince títulos que forman parte da colección
Tambo.