
- Este evento ha pasado.
Foliada con A Volta Do Agro
10 de noviembre, 2018 - 23:00
O Obradoiro de Cultura Tradicional Galega «A Volta do Agro» está composto por persoas de diferentes puntos da xeografía galega unidas pola amizade e a afección á música tradicional.
O grupo nace no ano 1995 en Lugo unindo as experiencias individuais de diferentes mozos e mozas que tiñan xa pasado por outros grupos e que decidiron poñer en marcha un proxecto cultural diferente: conquerir unha formación que unificase os grupos de gaitas, baile e pandeireteiras e pandeireteiros dun xeito distinto, cunha personalidade de seu e orixinal.
Ó longo destes máis de vinte anos o traballo da asociación estivo encamiñado a conseguir o seu obxectivo último: A DIGNIFICACIÓN DA CULTURA TRADICIONAL GALEGA.
Aínda que conscientes da desnaturización que sofren as manifestacións da cultura tradicional ó sacalas do seu contexto orixinal e subilas a un escenario, A Volta do Agro intenta nas súas actuacións representar coa menor desvirtuación posible os bailes, a música e os traxes que levan recollido na súas investigacións de campo por toda a zona de cultura galega (Galicia, O Bierzo e Asturias Occidental). Igualmente, a asociación traballa para difundir o froito destas recollidas a través da organización de numerosos obradoiros abertos a todas aquelas persoas que desexen compartir a vontade de manter viva a nosa cultura.