Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

G-Night – Noite Galega das Persoas Investigadoras

24 de septiembre - 18:00

Lugo celebrará a "Noite galega das persoas investigadoras".

Venres 24 de setembro, de 18.00 a 22.00 horas, para todos os públicos no Vello Cárcere de Lugo.

O vindeiro 24 de setembro, baixo o lema «Conciencias creativas», terá lugar en toda Galicia a Noite europea das persoas investigadoras. Ese día, a G-Night encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación.

Aberto a todos os públicos ata completar aforos
RESERVA A TÚA PRAZA PARA A ACTIVIDADE E
O HORARIO DESEXADOS NO TELÉFONO 982297195
Horarios de reserva:
De luns a mércores: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
Xoves e venres: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.30 horas.

Descrición das actividades propostas

Robótica (Presentación de robots, 45 min)

Experimentamos día a día unha auxe da robótica de servizos; isto é, robots
capaces de traballar en ambientes cotiáns. Agora ben, estes novos robots deben
ser capaces de facer o seu labor en contornas domésticas e lugares
humanizados. Nesta demostración coñeceremos diferentes robots e poderemos
interactuar con eles e ver parte dos esforzos que as persoas científicas están a
facer para que sexan verdadeiramente de utilidade para a nosa sociedade.

SARndbox: un areeiro de realidade aumentada (demo, 20 min)

Mediante o emprego da realidade aumentada podemos comprender mellor as
técnicas para a elaboración de mapas e a influencia que ten a topografía no
movemento das augas superficiais. Trátase dunha ferramenta excepcional para o
estudo da evolución do relevo e para a divulgación.

Camiñando da idea á realidade a través da impresión 3D (demo, 20 min)

Se tes unha idea sobre un obxecto que quixeras ter nas túas mans, podes
convertela en realidade a través da impresión 3D. Só tes que bosquexala,
deseñala, modelala e convertela nun obxecto real. Como? A través do emprego
da imaxinación na concepción da idea, de programas informáticos que nos
permitan o seu desenvolvemento concreto, e dunha impresora 3D que poña o
punto final ao proceso coa obtención dese obxecto desexado.

Fotosíntese artificial (demo, 20 min)

A fotosíntese é o proceso polo cal as plantas verdes obteñen a súa fonte de
enerxía mediante unha cadea de reaccións que comeza co uso dos fotóns de luz
solares para a fotólise da auga. Esta é unha demostración do funcionamento
dunha pila de combustible para producir hidróxeno a partir da auga e da luz solar.
O hidróxeno posteriormente xera electricidade dunha maneira limpa e eficaz.

Árbores por un tubo (demo, 20 min)

Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero
é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente
idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.
Xunto a unha pequena exposición de especies arbóreas cultivadas in vitro,
faremos unha demostración práctica de como se multiplica e como se
microenxerta unha árbore in vitro. Os/as participantes terán a oportunidade de
probar a facer un microenxerto, como se fosen verdadeiros/as expertos/as.

Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental (demo,
20 min)

Como usar unha microcontroladora de baixo coste (Arduino) para medir e rexistrar
parámetros ambientais (temperatura, humidade relativa, luminosidade,
concentración de CO2,..) e actuar no mundo exterior acendendo luces, regando
as plantas, conectando un ventilador…? Esta proposta está baseada no kit de
experimentación AquaLab de XuvenCiencia e ten como obxecto achegar
coñecemento sobre a xestión sustentable dos recursos hídricos e da nosa
contorna.

O peixe cebra como modelo animal (demo, 20 min)

O cebra é un peixe de auga doce nativo da rexión do Himalaia e está
emparentado coas carpas e os barbos. Os proxectos de investigación con peixe
cebra son algúns dos que levan máis recoñecemento dos que desenvolve o
Campus de Lugo da USC. Nesta actividade incidirase en como as pescudas neste
animal acuático poden trasladarse ao tratamento de moi diversas doenzas e
condicións xenéticas que afectan ás persoas.

A luz – regra do nanouniverso (demo, 20 min)

A difracción da luz non só produce interesantes efectos visuais ao proxectar
puntos nunha pantalla, senón que tamén é un método moi eficaz para estudar e
medir obxectos minúsculos. A tecnoloxía depende cada vez máis das
micropartículas e das nanopartículas, que son tan pequenas que non poden verse
cun microscopio convencional. Comprender a difracción e a interferencia das
ondas de luz e aplicalas con intelixencia non só nos permite penetrarmos no
mundo do microscópico, senón tamén manipular obxectos a esa escala

Fai un iPhone do tempo da pedra – Universidade do Porto (demo, 20 min)

O xisto foi durante moito tempo utilizado como material de escrita nas nosas
escolas. O adianto da tecnoloxía veu revolucionar a o xeito de comunicármonos
uns cos outros e a forma en como aprendemos. Neste obradoiro dobre xeoloxía,
convidámoste a obter e traballar un pedazo de xisto no cal podes escribir as túas
mensaxes e comunicarte coas túas amizades.

O que agochan as células (obradoiro, 45 min)

Como se preparan e estudan os frotis sanguíneos? Neste obradoiro poderás facer
extensións e tinguiduras de sangues animais para coñecer as proporcións
normais de células no sangue. Tamén poderás aprender os procedementos para
detectar os cambios patolóxicos que axudan a desvelar as enfermidades que
afectan aos animais.

Trazabilidade animal mediante PCR – kit DNAMEAT (obradoiro, 45 min)

O taller consta de dúas partes: 1) Extracción de ADN e 2) PCR. A primeira parte
consiste na extracción de ADN de carne de vaca e de porco (fanse dous grupos
de rapaces, un por cada tipo de carne), mediante o emprego do método de
‘Extracción de ADN con Chélex’. Unha vez extraído o ADN, realízase unha PCR
da mostra, mediante o emprego de primers específicos para cada especie.
Finalmente, mediante a axuda dun transiluminador construído polo Grupo
XuvenCiencia, visualizase que mostras son PCR positivo e cales son PCR
negativo.

Determinación de proteínas co kit Fotometrix (obradoiro, 45 min)

Cuantificaranse proteínas en diferentes mostras mediante un método
colorimétrico e analizaranse a través dunha técnica de laboratorio chamada
electroforese en xel de poliacrilamida. Empregarase o kit Fotometrix desenvolvido
por XuvenCiencia: un fotómetro de peto de gran precisión que transmite datos a
traves dun teléfono móbil.

Dío con luz: comunicación con fibra óptica (obradoiro, 45 min)

O obradoiro comeza recordando os tipos de comunicación que existen coa
participación activa da rapazada. Despois faise un pequeno resumo sobre as
características da luz que a fan ideal para empregala como método de
comunicación. Unha vez afianzados estes conceptos e despois de explicarlles en que consiste a fibra óptica, prepárase unha competición entre dous grupos de
alumnos, que procurarán ser os máis rápidos en transmitir unha mensaxe
utilizando unha fibra óptica e un código inventado por eles.

Experimentos de Física – Universidade do Porto (obradoiro, 45 min)

Nesta actividade vas poder participar nalgunhas probas e ensaios científicos e
comprender diversos fenómenos físicos.

Xogando a aprender! (obradoiro, 45 min)

Presentarémoslles aos asistentes unha serie de retos que deberán resolver de
maneira colaborativa. Trátase de experimentar con algúns recursos e dinámicas
que empregamos na Facultade de Formación do Profesorado nos ámbitos da
didáctica das ciencias, da expresión corporal e da matemática. Ven descubrir o
que es quen de facer!

Loitamos contra o ciberbullying mediante as redes sociais (obradoiro, 45 min)

A actividade busca que a rapazada elabore unha pílula audiovisual que trate
sobre o ciberbullying, pensada para ser difundida en redes sociais (Instagram,
Twitter, TicToc, YouTube, etc.) Na primeira parte do obradoiro (5 min.
aproximadamente) presentaranse diversas ferramentas técnicas indispensables.
Na segunda parte (10 min. aproximadamente) achegaranse algúns conceptos
básicos de guionización. Finalmente, o alumnado dispoñerá duns 30 minutos para
o deseño da pílula e a selección da rede social axeitada para dala a coñecer.

Sen teatro non hai drama (obradoiro, 45 min)

Sentes curiosidade polo teatro? Pensaches algunha vez que, aínda que nos
queiramos rebelar contra eles, os estereotipos están por todas partes? Se a
resposta á primeira pregunta é si e che interesa a resposta á segunda pregunta,
este é o teu lugar. Un espazo para experimentar breve mais intensamente como
os estereotipos se coan na nosa vida sen que nos decatemos con algunhas das
ferramentas que nos dá o drama: o conflito, o movemento e a reflexión. O
obradoiro consistirá en dúas actividades de dramatización para repensar
criticamente como inflúen en nós as ideas preconcibidas sobre o xénero, a etnia
ou a clase social, tanto na vida como na literatura.

Detalles

Fecha:
24 de septiembre
Hora:
18:00
Categoría del Evento:

Local

O Vello Cárcere
Av. Alcalde Anxo López Pérez, 10
Lugo, Lugo 27002 Spain
Teléfono:
982 29 71 95