
Microefectos Dramatúrxicos Marzo 2023
Microefectos Dramatúrxicos este xoves 2, venres 3 e sábado 4, en pases de 20:30 e 22:30. Lembrade que xa tedes as entradas á venda. Podedes acceder á plataforma Woutick dende o código QR da imaxe ou dende este enlace: https://www.woutick.es/evento/24394/entradas-microefectos-dramaturxicos-lugo
Tamén haberá un mínimo de entradas físicas garantizado en cada pase.
A primeira peza que conformará esta nova sesión de Microefectos Dramatúrxicos é «Cachiños de litio e cobalto».
Escrita e dirixida por Raquel López Cendán e interpretada por Elvira Velasco, Brian Rodríguez e a propia Raquel, a peza propón un futuro distópico.
Nun mundo dividido en dúas macronacións á súa vez dominadas, respectivamente, por dúas grandes empresas só quedan escasos ecos do tempo pasado. Dous presentadores, moi ambiciosos, están tan pendentes da súa carreira persoal que non atenden a importantes cambios que se están a producir na súa contorna. Toda unha crítica ao actual estado político, social, cultural e medioambiental do noso mundo.
A segunda das pezas que conformarán esta nova sesión de Microefectos Dramatúrxicos consiste en «Superglue», escrita e dirixida por Pepe Saavedra e interpretada por María Grandío, Isa Herrero e Brian Rodríguez.
Unha peza ácida, absurda e irreverente que pon un misterioso tema de actualidade sobre a mesa. O primeiro día de traballo de Ramón debería ser un día normal. Pero cando hai sede de viralidade, orcas e berros ademais dun museo á volta da esquina cheo de obras mestras é posible que acontezan cousas non previstas… Perdoa irmá, a que hora dicías que pecha o museo?
A terceira peza que conformará a nova sesión de Microefectos Dramatúrxicos consiste en «Medovuja Revolutsia», peza escrita e dirixida por Brian Rodríguez interpretada por Anxo Manoel, Brais García, Elvira Velasco e o propio Brian.
Unha peza na que Luis, un pobre home que sofre un estraño pesadelo, solicita os servizos dunha innovadora empresa capaz de crear soños á carta. Pero a natureza dos pesadelos é diferente e pode que alí non haxa solucións para o problema. Ou vai ti a saber… Neste momento en que o concepto de autoría comeza a verse presionado polas novas intelixencias artificiais o propio Luis non poderá diferenciar entre as cousas controla a súa mente e as que non.
A última das pezas que conformará esta nova sesión de Microefectos Dramatúrxicos no Club Clavicémbalo consiste en «Chelo sen medo e as señoras vingadoras», escrita e dirixida por María Grandío e interpretada por Raquel López Cendán, Isa Herrero, Conchi Madrina, Elvira Velasco e a propia María.
Unha peza na que cinco amigas quedan durante Noitevella. Cinco amigas que deciden vestirse de heroínas. Como son cinco mulleres chamadas todas elas María, procuran cinco heroínas co mesmo nome. Unha caracterización que non é superficial, porque durante esta noite de cambio e transformación, estas cinco mulleres desexan vivir sen medo. Unhas mulleres que, como heroínas que son, están preparadas para a vinganza.