
Presentación de “As Longas”
17 de febrero - 19:00

Presentación de “As Longas” en compañía de A Lauda Negra @alaudanegra_libros e Lois Cid @lois_cid, quenes presentarán a recente publicación de “As Longas”.
Haberá unha instalación específica por parte do artista.
O titulo de “As Longas” correspóndese á publicación de Lois Cid (Ourense, 1993) que saiu do prelo en setembro do pasado ano.
É un proxecto que se move nunha dupla direción: entre a reconstrución do imaxinario vernáculo e a creación dun espazo emocional (e formal) que redefina os límites da nos percepción da paisaxe.
“As Longas é unha fábrica de ladrillos da zona de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) que cesou a súa actividade nos anos noventa. Ao seu carón exténdese un lameiro repleto de fragmentos de ladrillos; parte dun cómaro que había na súa marxe onde se acumulaban os faios de produción.
Estes ladrillos agroman hoxe sobre a herba rasa da que alimenta a unha vintena de vacas leiteiras da zona. Activalos, amontoándoos para potenciar a súa fraqueza e sua inestabilidade, convértese nun último xesto que os faga erguer do xacemento no que descansan.”
Alauda Negra é un proxecto editorial creado en Sarria (Lugo) en 2019 e dirixido por X. Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976).
Está enfocado no impulso de pequenas creacións visuais baseadas na experimentación editorial a través de distintos formatos e soportes. Foi concebido para difundir e visibilizar toda unha serie de propostas que, pola súa escala ou intención, teñen como soporte ideal a edición en papel a modo de brochura, plaquette ou fotozine.
Este selo editorial ten como horizonte publicar traballos do noso contexto artístico a través de tiradas limitadas que recollan traballos inéditos.