
- Este evento ha pasado.
Presentación do libro: A IDADE DO FERRO
28 de noviembre, 2018 - 20:00

Editorial: Canela
Autor: o fotoxornalista José M. Salgado.
O acto contará coa participación do autor, do Presidente da Deputación e do editor.
Sobre o libro:
O presente fotoensaio dá a coñecer a singular cultura do ferro que aínda se conserva no noroeste peninsular dentro do espazo xeográfico comprendido, aproximadamente, polas Reservas da Biosfera: “Terras do Miño”, “Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá” e “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”, situadas dacabalo entre a provincia de Lugo e o occidente de Asturias.
Esta cultura, que conta con moitos séculos de antigüidade, encárnase aínda hoxe nas decenas de homes e mulleres fotografados, un colectivo humano único en Europa e que agora sae á luz grazas ao traballo realizado por José M. Salgado durante case un lustro.
Un traballo documental que percorre os espazos e visita ás persoas, no que ofrece un retrato espido do estado actual dun modo de vida, ligado ao mundo agrario e preindustrial, que busca, a duras penas, sobrevivir.
O libro contén, ademáis dunha presentación do autor, tres amplas introducións sobre a transformación artesanal do ferro na cultura tradicional escritas por Luis Celeiro Álvarez (xornalista), Clodio González Pérez (Investigador e membro do Museo do Pobo Galego) e Juaco López Álvarez (director do Muséu del Pueblu d´Asturies).
Os textos do libro están publicados en galego e conta con traducións ao castelán e ao inglés co obxectivo de que este rico patrimonio cultural poida chegar a un maior número de lectores.
Sobre o autor:
Licenciado en Xornalismo pola Universidad Complutense, e fotógrafo cunha longa traxectoria no eido editorial, José M. Salgado participa e promove distintas actividades relacionadas coa difusión cultural, o comisariado de exposicións, así como a edición de libros e a creación de contidos multimedia.
Colaborou en diversos medios escritos, como o xornal La Voz de Galicia, a revista Muy Interesante, en revistas de viaxes (Viajes National Geographic, Viajar, Península, Paisajes desde el tren) pero fundamentalmente no mundo editorial e institucional, ilustrou máis dunha vintena de libros.
Durante máis dunha década traballou como fotógrafo de persoal para Hércules de Edicións, aínda que agora desenvolve o seu traballo como freelance. É membro de APECSA (Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago) e comisario de diversas exposicións, unha delas dedicada ao mundo do ferro: Mans de ferro, con fotografías súas e presentada no CENTRAD de Lugo, que tamén se colgou no Museo Comarcal da Fonsagrada, e A Idade do Ferro, exposta no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), Navarra, Fundación ABANCA de Lugo, Feira do ferro de Riotorto e no Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde se mostra unha parte das fotografías que van incluídas no libro homónimo que ven de publicar.
Así mesmo, comisariou e realizou as fotografías de Cos pés na terra, sobre o mundo dos zoqueiros na provincia de Lugo, organizada tamén polo CENTRAD da Deputación de Lugo.
Á par continúa realizando diversos proxectos e colaboracións con entidades públicas e privadas e ten en marcha varios proxectos futuros coa nosa editorial, onde ven de publicar A Idade do Ferro (Canela, 2018).