O Campus de Lugo da USC converterase este mes nun dos escenarios escollidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para celebrar o recente nomeamento de Juan Rof Codina, impulsor da Veterinaria en Galicia e en España, como ‘Científico Galego do ano 2022’.
A fonda ligazón que existe entre a figura e pegada deixada por Rof Codina na sede universitaria luguesa, cuxa biblioteca Intercentros é depositaria do arquivo persoal do homenaxeado, ademais de contar cun hospital veterinario que leva o seu nome, levou á RAGC a programar no Campus de Lugo unha sesión divulgativa da figura e da obra de Rof Codina que se desenvolverá o día 21, a partir das 18.00 horas, na Biblioteca Intercentros.
O relatrorio ‘O primeiro influencer veterinario’, a cargo do investigador da USC e doutor
en Veterinaria Diego Conde, quen é especialista en Juan Rof Codina, abrirá os actos.
Neste relatorio, aberto a todo o público interesado, Diego Conde achegará aos asistentes
a unha figura tan transcendental como aínda descoñecida, dado que Juan Rof Codina foi
un innovador no eido da Veterinaria, e a súa obra e legado contribuíron de xeito
salientable á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto
de asociacionismo entre os gandeiros galegos.
Unha vez rematada a conferencia, os participantes terán a oportunidade de realizar unha
visita guiada e comentada ao fondo Rof Codina, situado na propia Biblioteca
Intercentros, para coñecer o “valioso material” que atesoura.
O aforo para tomar parte nas actividades programadas pola Real Academia Galega de
Ciencias no Campus de Lugo é limitado, polo que as persoas interesadas poderán
inscribirse de balde ata o 19 de setembro a través do formulario xa habilitado en liña.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte