
- Este evento ha pasado.
Teatro – O porco de pé
21 de abril - 20:30

Teatro – O porco de pé
Producións Teatrais Excéntricas
- Auditorio Municipal Gustavo Freire
- 90 minutos
- Dirección: Quico Cadaval.
- Elenco artístico: Patricia Vázquez, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira.
O PORCO DE PÉ: Teatro de fenómenos O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos.
O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais.
Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe máis vixencia ca nunca.
Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Para dar vida á galería zoolóxica contamos con tres fenómenos: Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo. Na plástica, o fantástico Carlos Alonso, no mundo sonoro, o ventrílocuo Piti Sanz, na luz, o acrobata Octavio Mas, e na dramaturxia a besta das dúas cabezas: Pepe Sendón e Quico Cadaval.
ENTRADAS
A través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.