NOV 2017  A exposición Ephemera, a última obra do artista David Catá (Viveiro, 1988) está composta de máis de 80 pezas principalmente fotográficas que amosan a particular visión artística de Catá, no que ensina como a vida se constrúe a partir de momentos fugaces. Esta premisa artella toda a mostra de David Catá e, incluso, diríamos a meirande parte da súa produción artística.

 A composición de múltiples momentos fugaces relatados en series ou proxectos concretos e captados sobre todo fotograficamente, consolidan ou recuperan instantes perdidos: xogos de luces e sombras, motas de pó, dentes de león flotando ou pousados etereamente … que, en conxunto, lembran sempre conceptos profundos cargados de sim­bolismos existenciais, a pesar da súa aparente fraxilidade. O pasado persoal e familiar, os descoidos da memoria, o paso do tempo, a dor das perdas e as lembranzas, son temas tratados polo artista viveirense a través de intervencións, instalacións, pintura, fotografía, música ou videoarte.

Na inauguración da expo escoitouse:

 “Esta exposición reflicte o compromiso do Goberno da Deputación cos creadores da vangarda artística galega, como é o caso de David Catá. É imprescindible que as institucións cedan o espazo a novas producións galegas. Por iso, o Museo Provincial convértese nun lugar idóneo para visibilizar a labor dos creadores de vangarda, neste caso a David Catá, un artista xa consolidado”.
Darío Campos – Presidente da Deputación

“…un orgullo que Lugo acolla a exposición deste artista, un valor á alza no mundo da arte que se atopa nun momento de madurez creativa, logo de ter acadado unha importante cantidade de premios a todos os niveis, rexionais e nacionais; incluso sendo seleccionado en festivais internacionais como o de Berlín ou Nova York”.  
 Lara Méndez- Alcaldesa

“Hoxe é un autentico luxo, e un privilexio estar aquí na capital lucense, exhibindo por primeira a miña obra a titulo individual. Por iso quero dende aquí pedir a implicación de todas as institucións publicas para que promocionen as producións artísticas que están nacendo, e que merecen un espazo para ser recoñecidos polos publico en xeral”.
David Catá



Fonte da foto: Gabinete comunicación Deputación de Lugo



Prestixio internacional

David Catá (Viveiro, 1988) artista multidisciplinar, xa que traballa con técnicas artísticas como a fotografía, escultura, a aos con oito anos comezou no Conservatorio de Música de Viveiro. Tras graduarse en 2010 na escola de Bellas Artes de Vigo, gañou o certame fotográfico da Deputación de Ourense. Con este premio comezou o Máster en fotografía de concepto e creación, na EFTI de Madrid. Dende entón, o artista reside en Viveiro, onde traballa na súa obra, a cal conta con multitude de galardóns e prestixio internacional. Nesta última exposición, Catá explora como a fotografía pode prantar cara ao esquecemento, este traballo é o resultado dunha consolidación artística profesional.

Hotel Venecia
Antes de comezar o acto de inauguración desta nova exposición, David Catá sorprendeu aos asistentes coas súas composicións musicais inspiradas nas súas propias obras, coa actuación do seu grupo Hotel Venecia. Compoñen esta formación xunto a Catá, Juan Cabalar e Ana Represas.

EXPOSICIÓN: EPHEMERA. David Catá
Sala de Exposicións do MPLugo
(do 16 de novembro ao 28 de xaneiro de 2018)
Horario de visitas MPLugo
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

Comparte este artigo nas túas redes.
Se clicas nas fotos as verás máis grandes.