A profesora da USC Lina Iglesias Forneiro acompañará a Ángeles e Isabel Abelleira na presentación deste obra nun acto que comezará  ás 18.00 horas

27/09 As autoras de Os fíos de infantil’, as mestras Ángeles e Isabel Abelleira, que se fixeron acredoras da última edición do o prestixioso «Premio de Pedagoxía Marta Mata» por esta obra, achegarán este xoves na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo as claves desta publicación, no marco dun acto aberto ao público que se desenvolverá a partir das 18.00 horas.

A profesora da área de Didáctica e Organización Escolar do Departamento de Pedagoxía da USC Lina Iglesias Forneiro e a editora desta obra, Malores Villanueva, acompañarán ás autoras desta publicación na presentación do seu libro.

Ángeles e Isabel Abelleira aproveitarán este acto para achegar as súas reflexións sobre procesos e procedementos innovadores na educación infantil. Daquela, estas dúas mestras de segundo ciclo de educación infantil tamén explicarán as motivacións polas que lanzaron hai xa sete anos o blogue InnovArte Educación Infantil, unha bitácora dixital aberta á participación de todo o público interesado e orientado a servir de ferramenta útil para contribuír á mellora e á progresiva implantación de metodoloxías, recursos e procesos innovadores nesta etapa inicial do ensino.

«Un libro que emociona, que achega o coñecemento e as experiencias de dúas mestras comprometidas coa calidade e a innovación educativas. As súas ideas brillantes, as reflexións cheas de sentido, as críticas consistentes fan desta obra unha guía de recursos que melloran as competencias profesionais dos mestres e os coñecementos dos pequenos e das pequenas, lonxe de modas pasaxeiras e de urxencias burocráticas.

Un libro que inspira para que cada persoa que o lea atope o seu propio camiño. Unha decidida aposta holística por unha escola segura de si mesma, pola calidade, pola creatividade, pola vida, pola educación integral, a favor dos nenos e das nenas e, tamén, das súas familias. Unha reflexión e uns recursos froito dunha práctica cotiá continuada, cunha base científica e unha técnica solvente e actual.» Ed. Galaxia

Data e lugar: Xoves, 28 de setembro de 2017. Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Hora: 18.00

TAMBIÉN EN VIVA LUGO:

«Vento nas velas» o novo libro de Xurxo Lobato recolle o patrimonio marítimo de Galicia