Manuela Barreiro Pico foi a primeira muller en acadar o título de Bacharelato no instituto de Lugo, en 1896; a primeira matriculada na Universidade de Santiago de Compostela, en 1896; e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia e sétima de España, no ano 1900

OCT 2017 «Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada, primeira licenciada en Farmacia de Galicia (1900)» é un libro elaborado pola Catedrática e profesora de Química da USC, María Isabel Fernández e editado polo Executivo Provincial a través do Servizo de Publicacións. Recolle a vida e obra desta lucense a través de fotografías, recortes de prensa e documentos que pon en valor, de forma máis que merecida, á figura de esta ribadense: primeira muller en acadar o título de Bacharelato no instituto de Lugo, en 1896; a primeira matriculada na Universidade de Santiago de Compostela, en 1896; e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia e sétima de España, no ano 1900.

 “Manuela Barreiro Pico foi una pioneira na loita dos dereitos de todas as mulleres e en abrir camiño nos estudos universitarios, que hoxe en día cursan multitude de mulleres, pero que na sociedade que lle tocou vivir tivo que combater contra os convencionalismos, trabas e restricións da época. É un orgullo para todos os veciños da provincia, e sobre todo para a Comarca da Mariña, que esta ribadense, fora a primeira muller en estudar na Universidade de Santiago de Compostela e se introducira na actividade profesional a través da farmacia”. García Bermúdez

O acto de presentación do libro tivo lugar no CENTRAD de Lugo e xunto á autora do mesmo estiveron as Deputadas Mayra García Bermúdez, Sonsoles López Izquierdo e Pilar García Porto, e a Concelleira de Economía, Ana Prieto González.

Manuela Antonia Barreiro Pico

Manuela Antonia Barreiro Pico naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1887, aínda que a súa vida transcorreu no Concello de Ribadeo, onde o seu pai era mestre. Estudou ensinanza primaria na escola de nenas de dita cidade e preparou o Bacharelato no colexio de S. Luis. Para realizar os estudos universitarios tivo que solicitar numerosos permisos mentres que os homes o podían facer sen ningún tipo de problema. Abriu a súa farmacia en Ribadeo no ano 1901, co nome Farmacia Moderna, sendo noticia en numerosos diarios de prensa galegos. Traspasaría a súa farmacia en 1931, despois de 30 anos de profesión. Morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953.