Este libro, O Polbo no San Froilán de Lugo, “facíanos moita falta”, subliñou a rexedora, dado que ata o de agora non existían publicacións sobre o polbo nas patronais lucenses, a pesar de que “é unha das esencias das nosas festas dende a súa xénese, un dos máis recoñecidos e populares sinais de identidade do San Froilán: O San Froilán non sería San Froilán sen o polbo, e o polbo desde logo tería menos sona, mesmo mundial, sen o San Froilán”.
“Comer o polbo no San Froilán, como ben di este libro, pasou xa dende o século pasado de ser unha costume ou tradición a un ritual”, asegurou Méndez. Polo tanto, “é certo que facía moita falta recompilar a historia e as historias do pulpo nas nosas queridas festas, e non só iso, senón rememoralas a través da extraordinaria colección de fotografías que acompaña esta publicación”.
Por outra banda, a Alcaldesa quixo agradecer e recoñecer “o labor que desenvolveu quen ata fai moi poucos días foi traballador do Concello de Lugo, Darío Xohán Cabana, para facer posible esta publicación e tantas e tantas outras actividades municipais, que a maiores da súa creación literaria e traballo na Real Academia Galega, dinamizaron a vida cultural da nosa cidade durante os últimos 30 anos”.
A colección San Froilán dos Devanceiros naceu no ano 2004, froito dunha iniciativa do Concello co fin de reforzar a memoria histórica lucense tratando cuestións moi diversas relacionadas coas festas do San Froilán.
Foto: gabinete comunicación concello