Terras do Miño – Fonte: turismo.gal

NOV 2017 A cuarta edición do certame fotográfico das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses xa está en marcha. Con premios por un total de 1.600 euros e o obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística e ambiental, así como os recursos naturais dos que dispón a provincia de Lugo, este certame fotográfico ten como tema central, nesta ocasión,  a harmonía entre persoas e natureza, nestes espazos naturais que contan co distintivo da UNESCO. Preténdese, polo tanto, que nas instantáneas se amosen oficios tradicionais que se atopan integrados na natureza, infraestruturas ou patrimonio material, inmaterial e etnográfico que están en harmonía coa natureza

Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. Os criterios a valorar serán a composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe. O xurado fará público o resultado no mes de decembro.

Bases – resumo –

Prazo aberto ata o 30 de novembro a través do Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos e poderán optar ao premio todas as persoas maiores de idade que non fosen premiadas anteriormente. As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse no territorio das Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, tendo como temática Harmonía persoas e natureza.

Os participantes deberán entregar as imaxes recollidas nun CD e tamén copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron. Cada autor só pode presentar unha fotografía. As bases completas poden consultarse nesta páxina da web www.deputacionlugo.gal

Comparte este artigo nas túas redes.